- Eugenia Gil Soriano e Rubén Eiriz comezaron a formación práctica para alumnado do IES Blanco Amor en materia de arbitraxe dando inicio así a un proxecto pioneiro, único en España, que é posible pola colaboración entre do Concello de Culleredo e o Comité Técnico de Árbitros da Coruña.
A arbitraxe futbolística empeza a ter canteira en Culleredo. O Concello e o Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol comezaron o pasado mes de febreiro o proxecto pioneiro para promover esta vertente do deporte entre os mozos do municipio e hoxe recibiron a primeira sesión práctica con Eugenia Gil Soriano e Rubén Eiriz.
Rubén Eiriz é o delegado do Comité de Árbitros da Coruña, e xa tiña acudido á primeira toma de contacto para familiarizar aos escolares cos conceptos de sinalización e posicionamento dos árbitros durante os partidos.
A traxectoria de Eugenia Gil Soriano
Eugenia Gil Soriano é árbitra profesional da Primeira División feminina (Liga Iberdrola) desde 2019, e pita tamén na Terceira Federación masculina. No ano 2022 Eugenia Gil Soriano dirixía unha das semifinais da Supercopa de España femenina de fútbol.
Máis aló da arbitraxe, foi bolseira universitaria en EE.UU. e practica o atletismo. Foi subcampioa de España dos 400 metros lisos e compite actualmente como atleta na Sociedad Gimnástica de Pontevedra principalmente en probas de velocidade como as remudas de 4×400.
A colexiada coruñesa, que pertencente ao Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol, recibiu o Premio Marca á Mellor Árbitra da tempada 2020/2021.
O IES Blanco Amor foi escenario novamente para esta primeira formación práctica, comandado polos colexiados profesionais. Unha trintena de escolares puideron así entrar en materia, equipados xa con tarxetas, chifre e equipamento profesional, que se lles regalou antes de comezar a sesión, para posteriormente traballar sobre o terreo.
O alumnado arbitrará na liga escolar
Esta Escola de Arbitraxe, de mans do Comité Técnico Galego de Árbitros de Fútbol, inclúe a arbitraxe dos mozos na propia liga escolar. Cabe subliñar que esta iniciativa non se realizou nunca en España. Con esta proposta búscase enganchar aos rapaces, que verán o seu labor reflectido en partidos cos seus propios compañeiros.
O próximo 14 de marzo acudirá ao centro Diego Sánchez Rojo, árbitro asistente internacional FIFA e de Primeira División, que foi premiado este ano como mellor asistente de Primeira. Acode regularmente a encontros da UEFA Champions League e UEFA Europa League, e tamén formou parte do equipo de árbitros da final da Copa do Rey 2022.
O goberno municipal cullerdense sinala que a arbitraxe é “esencial no deporte e na promoción do seu labor social”. O Concello de Culleredo agradece “a implicación da dirección e profesorado do Blanco Amor para levar a cabo a actividade, aberta a outros centros”.