- A doenza de José Ignacio Prades non reviste maior gravidade, segundo informan desde o club, estaba pendente da cirurxía desde hai varios meses.
- Tras a intervención, deberá gardar repouso absoluto durante 15 días e a partir de aí valorarase a súa evolución.
- Abel González farase cargo do primeiro equipo durante o período de baixa do adestrador.
O técnico do Mecalia Atlético Guardés, José Ignacio Prades, será intervido cirurxicamente mañá no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para solucionar unha doenza renal que, aínda que non reviste maior gravidade, leva pendente desta operación desde hai meses. Como é lóxico, mentres dure o tempo pertinente de recuperación, o noso adestrador non poderá dirixir adestramentos nin partidos, explican desde o club.
Tras a cirurxía, deberá gardar repouso absoluto durante 15 días. A partir de aí, valorarase a súa volta á actividade segundo a súa evolución.
Segundo apuntan deste o club miñoto “todas as persoas que formamos parte da familia do Mecalia Atlético Guardés temos claro que a reposición do noso adestrador é o máis importante e que durante o tempo que sexa necesario poñeremos da nosa parte para paliar -que non cubrir- a súa ausencia”.
O subtituto de Prades será Abel González, segundo adestrador
Abel González, segundo adestrador e coordinador da base do club, asumirá a dirección do primeiro equipo durante o proceso. Estará secundado e apoiado por Joao Mesquita, preparador físico e terceiro membro do corpo técnico de José Ignacio Prades.
Desta forma, o técnico asturiano dirixirá ao primeiro equipo no importante partido que inaugura a segunda volta este sábado, no que o Caixa Rural Aula Valladolid visita A Sangriña (18:00). Logo virá o derbi contra o outro conxunto galego da máxima categoría, o Conservas Orbe Rubensa Porriño, e será a domicilio.
A semana seguinte cumpriranse as dúas semanas de repouso indicadas polos facultativos. A partir de aí, a evolución da recuperación marcará o regreso de José Ignacio Prades á actividade deportiva.