José Ignacio Prades, técnico do Mecalia Atlético Guardés e da Selección Española feminina de balonmán asume sen ambaxes a importancia de sacar algo positivo da visita do seu equipo ao Rocasa Gran Canaria, a pesar da enorme dificultade que entraña o rival.
Prades non oculta a realidade tras dúas derrotas consecutivas: “Temos unha necesidade imperiosa de puntuar para poder seguir estando aí arriba despois de perder en Xixón e en casa con Bera Bera“, sostén o adestrador das miñotas. “O equipo atópase cansado polas viaxes porque nos imos a Gran Canaria case recentemente chegadas de Besançon. Pero xa sabiamos o que había e estamos preparadas mentalmente para o que vén”, engade Prades evitando tirar do cansanzo como excusa diante dos resultados.
Do Rocasa “non imos descubrir nada”, evidencia o técnico alacantino. “Xunto a Bera Bera, é o gran favorito para gañar a Liga Guerreras. Os dous, tanto por orzamento como por persoais, están feitos para conquistar títulos”, destaca o adestrador do Guardés sobre dous rivais aos que se mide de forma consecutiva en Liga.
Prades: “Será tan difícil como sempre”
Segundo explica José Ignacio Prades, o do Rocasa Gran Canaria é un bloque “máis que compensado que xoga moi ben a balonmán. E será tan difícil como sempre porque o equipo canario sempre foi un dos grandes favoritos”, avisa o adestrador do Mecalia Atlético Guardés.
“Imos ver como nos desenvolvemos. O equipo está ben a nivel físico, co cansazo normal destes días, pero nada que se salga do habitual”, explica José Ignacio Prades, que ve xogar “na pista dun dos grandes favoritos” como “un aliciente e unha motivación extra”.
O partido terá lugar hoxe mércores 17 de novembro ás 20:30 horas no pavillón municipal de Telde, en Gran Canaria. Corresponde o cruce á xornada décima de Liga Guerreras. Arbitrarán o partido os colexiados andaluces Roberto Carlos Mendoza e Juan Pablo Visciarelli. O lance deportivo poderá seguirse ao vivo por streaming, na seguinte ligazón: https://canariasd.é/#/live-detail/MzUzMw
O peche de Liga do Guardés para o ano 2021 será na pista do Rocasa Gran Canaria