O Mecalia Atlético Guardés que adestra Prades xoga hoxe, sábado 16 de outubro, a partir das 17:00 horas, o partido de ida da EHF European League Q2 ante o Hypo Niederösterreich en terras austríacas. O encontro será dirixido polos colexiados Ante Mikelic e Petar Paradina de Croacia). O partido vaise poder seguir ao vivo na canle da CRTVG TVG2.
O técnico do Mecalia Atlético Guardés, José Ignacio Prades, recoñece que “xogar en Europa é especial”. Esa faísca diferente derivada da competición continental deixouse notar desde o principio de semana e desvela que “a xente está moi ilusionada coa viaxe” a terras austriacas. “Ir en avión, cruzar a fronteira, xogar noutro país e probar outras experiencias en canto a balonmán sempre é positivo e sempre é bo. É algo que ás mozas e a todos en xeral apetécenos e motívanos”, destaca Prades, que cataloga Viena como “unha cidade moi atractiva”, á vez que engade que pouco tempo terá a expedición para o turismo.
“O Hypo é un equipo moi veterano e moi contrastado”, especifica o técnico de Petrer. “Leva moitos anos co seu adestrador, co cal saben perfectamente ao que xogan, están completamente conjuntadas e é un equipo moi difícil de bater”, sostén José Ignacio Prades.
O titular do banco do Mecalia Atlético Guardés é consciente de que o seu equipo terá que facer “dous partidos moi bos” para eliminar ao conxunto austriaco.
“Tentaremos traer un bo resultado para A Sangriña, onde tampouco será fácil independentemente do que pasei en Viena”, confesa o técnico do Guardés, que insiste na valía do seu rival. “Domina moi ben os tempos, con xente de moita experiencia”, avisa.