Un positivo por COVID-19 no plantel do CRAT Residencia Rialta motivou a suspensión dos adestramentos do primeiro equipo feminino da entidade. Segundo explica o club de rugby coruñés estase en contacto coa Xunta de Galicia para estudar os prazos para o regreso
Desde o CRAT Residencia Rialta detállase a cronoloxía dos feitos explicando que o nércores 23 setembro “unha xogadora do equipo de Liga Iberdrola, presenta síntomas compatibles con COVID-19″. Trátase dunha deportista que é “conviviente con outros dous membros do equipo”.
En base as recomendacións do seu responsable COVID-19, o doutor Lisarrague, o xoves 24 de setembro o club decide, por precaución, suspender os adestramentos da semana en curso.
O día 25, venres, realízaselle a proba PCR á xogadora con síntomas compabibles coa doenza e o martes 29 confírmase o seu positivo polo coronavirus.
Por este motivo, onte, mércores 30 de setembro de 2020 “o club suspende os adestramentos de maneira oficial até novo aviso e informa á Xunta de Galicia para coordinar conxuntamente as medidas a tomar e as datas para un eventual regreso”.
Os contactos directos do positivo, en corentena
Segundo informaba o club, onte a xogadora e os seus contactos directos atopábanse ben. “Os seus contactos directo están en corentena á espera de realizar próbalas pertinentes. Ningunha persoa máis do equipo presentou síntomas”.
Desde o club mandan “unha mensaxe de ánimo ás afectadas e ao conxunto do equipo. Se competir na Liga Iberdrola esixe a xogadoras amateur un compromiso máximo, próximo ao profesional, este ano está a ser varias voltas de torca maior”.