A pioneira Irene González Basanta vai ter unha rúa na cidade da Coruña. Hoxe mesmo, 10 de marzo, o pleno municipal aprobaba a denominación de dúas rúas da cidade na honra de dúas destacadas mulleres. Unha delas era a porteira de fútbol, Irene González Basanta, a outra foi Antonia Ferrín Moreiras.
No pasado 13 de xaneiro o pleno da Coruña xa aprobara iniciar o procecemento o para homenaxear e honrar a esta figura do fútbol galego. Xa daquela a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, definiuna como “unha muller valente, pioneira, unha máis na longa lista de grandes mulleres referentes da cidade”.
En 2021 esta pioneira do deporte coruñés, galego e estatal, foi a protagonista dun libro que recolle a súa historia. Asinan a obra os xornalistas Rubén Ventureira e Juan Luis Rodríguez Cudeiro. O libro conta cun prólogo da alcaldesa da Coruña Inés Rey. En ‘Irene y las puertas del fútbol. Historia de una pionera’, os autores recuperan os seus pasos no fútbol galego, abrindo as portas ás mulleres futbolistas e deportistas.
Irene González Basanta, coñecida como Irene ‘a porteira’ supón un exemplo de dignificación do papel da muller nun contexto complexo, pois destacou na práctica do fútbol e chegou a ter un papel moi relevante e popular na cidade a comezos do século XX, fundando o seu propio club, no que foi xogadora e capitá.
A outra muller que neste pleno municipal foi recoñecida cunha rúa é Antonia Ferrín Moreiras, a primeira muller española doutora en astronomía e un exemplo para moitas mulleres científicas. A proposta de que teña un espazo co seu nome na cidade partiu da Asociación Astronómica Ío.
Rubén Ventureira: “Se Irene vivise agora sería o que foi: futbolista profesional”