O Conservas Orbe Rubensa BM Porriño lidera o grupo pola permanencia na Liga Guerreras Iberdrola e nesta quinta xornada deberá defender o seu posto ante o Uneatlantico Pereda. Galegas e cántabras cítanse no pavillón municipal de O Porriño este sábado, 1 de maio, ás 17:00 horas.
O adestrador local, Isma Martínez, tratará de repetir as claves que deron a vitoria na ida (20-27). «No partido de ida manexamos ben o tempo e os ritmos, e esa é un pouco a idea deste partido de volta», declarou.
O Pereda visita terras pontevedresas despois de perder pola mínima ante o Club Balonmano Morvedre, cun 25-24 final. As cántabras ocupan a sétima posición con seis puntos, pero a súa clasificación non debe despistar ás xogadoras do Porriño.
O seu técnico advirte que «nos seus tres últimos partidos veñen de gañar en Salud, ademais de deixar escapar a vitoria perdendo por un gol tanto con Córdoba como en Morvedre. É un equipo que está moi preto de gañar, malia os puntos que levan, están facendo moi ben as cousas».
Isma Martínez sobre o Uneatlantico Pereda: «É un equipo que está moi preto de gañar, malia os puntos que levan, están facendo moi ben as cousas»
Para esta fin de semana, Isma Martínez agarda a un rival «moi ben traballado. Defensivamente son moi agresivas e fortes e o partido do sábado pasa por adaptarnos aos seus cambios de defensa. É un equipo moi compensado e completo».
O Porriño está a un paso de certificar a permanencia na Liga Guerreras
Pola súa banda, as galegas son primeiras con 15 puntos, e chegan a esta xornada do trunfo obtido ante o Lanzarote Puerto del Carmen, cun resultado 31-16.
Por iso, a falta de catro xornadas para a fin da tempada, unha vitoria máis podería darlle a permanencia ao Conservas Orbe Rubensa BM Porriño. «Temos que estar moi atentas se queremos sellar a nosa permanencia o sábado, creo que gañando sería matemático», apunta Isma Martínez.
Isma Martínez: «Temos que estar moi atentas se queremos sellar a nosa permanencia o sábado, creo que gañando sería matemático»
O propio adestrador engade que «gañar sería unha tranquilidade moi grande, que nos permitiría que o último mes de competición o afrontásemos dunha maneira máis tranquila, pero intentando quedar primeiras».
O duelo que podería salvar definitivamente ao BM Porriño poderá seguirse vía streaming a través da súa canle de Youtube.
















