A edición do 2023 das Series Mundiais de Tríatlon xa ten sede. Pontevedra será a capital mundial deste deporte, con probas de elite, sub23 e paratríatlon, a distancia estándar para os grupos de idade, a Super Sprint de grupos de idade e os Campionatos do Mundo de Aquabike.
De competir neste torneo, Susana Rodríguez Gacio xogará en casa, puidendo demostrar de primeira man ante os seus o seu gran nivel internacional que tantos éxitos lle merece. Para a cidade do Lérez esta tamén será unha gran cita marcada no calendario, ao ser o evento deportivo máis grande e importante celebrado na historia da cidade. Estímase que máis de 5.000 deportistas acudan á cidade galega.
Con este anuncio, Pontevedra súmase a cidades como Londres, Budapest, Pequín, Auckland, Chicago, Gold Coast, Lausana e Edmonton como anfitrioas do Tríatlon Mundial. No 2022, a sede será Abu Dhabi.
A presidenta do mundo de tríatlon e membro do COI, Marisol Casado, sinalou que “estamos encantados de que Pontevedra, que demostrou ser un anfitrión fantástico de múltiples deportes no calendario mundial de tríatlon, agora reciba aos mellores triatletas do mundo para as finais do campionato en 2023″.
Pola súa banda, Susana Rodríguez Gacio tamén expresou o seu contento en redes.
Pontevedra será sede en 2023 del Campeonato del Mundo de Triatlón. Gran final élite, sub23 y paratri… Pequeña de tamaño comparada con otras sedes, pero que ciudad tan grande! Enhorabuena @TRIATLONSP @worldtriathlon pic.twitter.com/ezTyweVZYa
— Susana Rguez. Gacio (@SuRGAcio) November 18, 2021
Un ciclo que se completa en Pontevedra
O presidente da Federación Española de Tríatlon, Jose Hidalgo, sinalou que “para Pontevedra a organización da gran Final das Series Mundiais de Trítalon en 2023 supón completar un ciclo, porque é a única competición que lles quedaba por organizar e poñendo un broche de ouro”.
En anos anteriores, Pontevedra acolleu o campionato de Europa en 2011, campionato de Europa de duatlón en 2014 ou o Mundial multideporte en 2019, onde Javier Gómez Noya alzouse co título mundial de longa distancia fronte a milleiros de espectadores nunha das probas máis memorábeis do calendario do Mundo de Triatlón en anos.
O propio deportista mostrouse emocionado coa elección da cidade galega como sede: “Para un deportista de elite español e galego que competiu en todos os recunchos do mundo contar coa gran final en casa, na miña cidade, é unha alegría absoluta. Pontevedra é garantía de éxito, de saber facer as cousas e unha garantía total de éxito. E estou convencido que tanto os deportistas como os cidadáns de Pontevedra van acoller esta noticia coa máxima ilusión”.
Gómez Noya: “As palabras non poden describir o emocionado que estou de que unha pequena cidade como Pontevedra, a miña cidade, estea agora entre as mellores cidades para acoller eventos de tríatlon”
“Corrín case todas as Finais Mundiais de Tríatlon, nalgunhas das cidades máis incribles do mundo, pero as palabras non poden describir o emocionado que estou de que unha pequena cidade como Pontevedra, a miña cidade, estea agora entre as mellores cidades para acoller eventos de tríatlon”, dixo o cinco veces campión do mundo e heroe local de Pontevedra, Javier Gómez Noya.
“Coñezo a cidade, coñezo aos organizadores e podo prometer que todos estamos listos para albergar o tríatlon máis importante do mundo en 2023“, asegurou o pentacampeón español.
A cidade se mobiliza
“Acollemos con moitísima ilusión e gran fortaleza ser a sede da Gran Final das World Series de 2023. E para iso contamos co apoio tanto de toda a nosa cidadanía como das institucións públicas locais e estatais e das Federacións de Tríatlon. Queremos organizar un evento memorable pensado para as grandes competicións e para a felicidade e satisfacción das e os atletas, así como de toda a gran familia do tríatlon”, afirmou o alcalde Miguel Anxo Fernández.
O mandatario puxo de exemplo a Gómez Noya como representante dos valores do Olimpismo, que tamén identifican a Pontevedra e á Federación Española de Tríatlon.
Carmela Silva (presidente da Deputación): “Este é un evento moi grande que situará á cidade a nivel galego, nacional e mundial como unha cidade que aposta polos grandes eventos deportivos”
Pola súa parte, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sinalou que “este é un evento moi grande que situará á cidade a nivel galego, nacional e mundial como unha cidade que aposta polos grandes eventos deportivos, pero a realidade é que vai ser un evento para toda a provincia e para toda Galicia. Os eventos anteriores encheron hoteis de moitos lugares desta provincia, deixando unha repercusión económica non só en Pontevedra. Cremos desde a Deputación que é moi intelixente optar a este tipo de citas, e así queda claro naqueles lugares onde son realizados”.