A Boa Vila acollerá o 2 e 3 de novembro de 2024 na Illa das Esculturas o Campionato de Europa de ciclocrós, que reunirá a todas as estrelas da disciplina nunha contorna espectacular, onde están previstas varias novidades para enriquecer técnica e espectacularmente o habitual circuíto de Copas e Campionatos de España. Baixo o lema Where the bikes bótanse ó lombo, a cidade de Pontevedra envorcarase nunha competición única, tal e como informa a Federación Galega de Ciclismo.
Superados os trámites burocráticos, e co visto e prace tanto da Unión Europea de Ciclismo (UEC) e o Concello de Pontevedra, todo segue o seu camiño para a agardada celebración dun evento no que se coroa ao novo Campión de Europa de ciclocrós.
Esta disciplina do ciclismo, caracterizada polos obstáculos e por circuítos cunha mestura de terra e asfalto, viu ao belga Michael Vanthourenhout levar os dous últimos títulos na manga masculina e á neerlandesa Fem Van Empel na manga feminina. O neerlandés Mathieu Van der Poel, actual Campión do Mundo de ciclocrós e de estrada, conseguiu tres títulos europeos entre 2017 e 2019 igualmente.
O campionato de Europa de ciclocrós terá mangas máster
Ademais, como novidade, o Campionato de Europa de ciclocrós de 2024 incluirá tamén as mangas de máster. Unha oportunidade para as categorías de máis de 30, 40, 50 e 60 anos de formar parte da competición. Ás tradicionais competicións elite, sub-23 e júnior tanto masculina como feminina, incorpóranse os máis veteranos para duplicar o número total de deportistas participantes, que correrán coas cores das súas respectivas seleccións nacionais. O mellor do mellor, en Pontevedra.
Apenas dous meses despois de celebrar a Copa de España de ciclocrós, a Illa das Esculturas xa espera de novo aos e as mellores ciclistas do noso continente. Será unha cita na que a ansiada camisola branca coa bandeira e estrelas que simbolizan a Unión Europea volverá estar en xogo. O tradicional percorrido onde venceron ciclistas como Ryan Kamp, Kevin Suárez, Laura Verdonschot ou Lucía González; e onde tamén Felipe Orts, a gran estrela española, conseguiu dous títulos de Campión estatal en 2019 e 2020, presentará moitas novidades.
Así se prepara Pontevedra para acoller a proba
A organización do Campionato de Europa de ciclocrós, impulsado pola Federación Ciclismo Galego, buscará aumentar o espectáculo con diversos obstáculos no circuíto: un bancal de area para permitir ver o esforzo dos ciclistas sobre esta superficie; uns taboleiros nos que demostrar a habilidade ben saltando sobre a bicicleta ou ben desmontando para asegurar maior velocidade, e onde do mesmo xeito que esta edición poderase ler destacado o lema deste Campionato de Europa en Pontevedra: “Where the bikes bótanse ó lombo”.
Tamén se está traballando para poder contar cunha ponte nas inmediacións do río Lérez, permitindo prolongar a rampla de herba previa á zona de asfalto e perfilando así un deseño de circuíto moi atractivo para todas as persoas que asistan a este evento deportivo ciclista, informan desde a Federación Ciclismo Galego.
Para continuar con todo o traballo previo, unha delegación do comité organizador desprazarase o próximo 21 de xaneiro á Copa do Mundo de Benidorm. Será a última proba internacional de ciclocrós en territorio español, antes da disputa do Campionato de Europa.
O apoio do Concello de Pontevedra, sede de grandes eventos deportivos e culturais como as Series Mundiais de Tríatlon este 2023, converte a cidade e o espazo da Illa das Esculturas nun escenario ideal para que o próximo mes de novembro coñezamos aos próximos Campións de Europa de ciclocrós do ano 2024.