O pavillón Príncipe Felipe de Pontevedra foi o escenario de dúas competicións na pasada fin de semana. Alí celebráronse o Campionato Galego de Loita Sambo e a II Copa de Galicia de Loitas Olímpicas, ambas con deportistas femininas.
Preto de 200 participantes citáronse na localidade pontevedresa, á que tamén acudiu a Federación Vasca e o Real Grupo Cultural Covadonga de Gijón para participar na Copa de Galicia. Ambos torneos leváronse a cabo baixo o protocolo Fisicovid DXT Galego para garantir a seguridade sanitaria.
O Judo Club Senín lévase o Campionato de Loita Sambo
Máis de medio centenar de deportistas, acudiron a Pontevedra para participar nesta competición que, segundo informa a Fegaloita, serviu como filtro para participar nos campionatos de España da modalidade, que terán lugar en Sagunto (Valencia) o próximo 5 e 6 de Marzo.
O ouro na táboa por clubs foi para o Judo Club Senín, que estivo acompañado no podio polo Club Graíño Team e polo Club E.T.P. A Coruña. En cuarta posición rematou o Club I. Q. Fight de Porriño.
O Club San Ignacio vence na Copa de Galicia de Loitas Olímpicas
A segunda edición da Copa de Galicia de Loitas Olímpicas resultou ser un éxito de participación, con probas nas categorías cadete e sénior.
Desta vez, a organización decidiu reducir as categorías de peso, para agrupar a máis deportistas en cada categoría e aumentar o número de combates. Este tipo de iniciativas, facilita a formación das e dos deportistas para os próximos campionatos de España. Ademais, esta edición da Copa contou coa presenza da Federación Vasca e o Real Grupo Cultural Covadonga de Gijón.
O colexio galego de árbitros, dirixiu os 168 combates disputados nos tres tapices oficiais, montados para esta Copa, un número de combates similar aos que se disputan nun campionato de España.
Segundo apunta a Fegaloita, a participación nestas competicións está a aumentar considerablemente, grazas ao traballo incansable dos clubs galegos, de tal maneira que a participación supera as cifras de antes da pandemia.
Os resultados finais por clubs foron:
1º- Club San Ignacio de Vigo.
2º- Federación Vasca
3º- Club Sabarís de Baiona.
4º- CL Pontevedra.
5º- Club Atila de Ourense.
6º- Club Keltoi de Vila de Cruces.
7º- Club Kuzushi de Vigo.
8º- Escola Axude de Santiso.
9º- Club Ciudad de Vigo.
10º- Club O Castro de Vigo.
11º- Real Grupo Cultural Covadonga (Xixón).
12º- CL Rábade.
13º- Club Senín.
14º- Club de Loitas Olímpicas de Vilalba