Nos prolegómenos do derbi da ría gardouse un emotivo minuto de silencio en memoria dos mariñeiros finados no naufraxio do Vila de Pitanxo. Poio Pescamar e ENCE Marín Futsal protagonizaron un partido no que so houbo unha cor dominante, a vermella. As locais quedaron cos tres puntos e o triunfo na Seca. O público estivo arropando ás de Manu Cossío que levaron a voz cantante todo o encontro.
As conserveiras, que xa venceran na ida en Marín, quería levar o segundo asalto do derbi da ría e puxeron toda a carne no asador. Dani Sousa foi a encargada de abrir a lata cun tanto aos oito minutos de partido rematando un saque de esquina de Irene. Estratexia executada á perfección .
O conxunto adestrado por Raúl Jiménez intentaba entrar no choque e sobre todo, poñer freo ás internadas das vermellas. Pero o resultado foi que se cargaron de faltas. A consecuencia seguinte foi que o Poio Pescamar tivo un disparo de dez metros que non desaproveitou. Outra vez Dani Sousa anotaba 2-0 e dez minutos xogados do derbi.
María León estivo a piques de anotar pero evitouno Caridad. O terceiro tanto das locais chegaría no minuto 18 cun go de Agostina Chiesa. Chegouse así ao descanso do derbi da ría.
Logo do paso por vestiarios, cunha vantaxe de tres goles para o Poio Pescamar as vermellas saíron confiadas nas súas posibilidades e dispostas a rematar a un rival tocado. Así, no minuto 24 de partido, Ana Rivera anotaba o 4-0, e un minuto despois Julia Dupuy o 5-0.
O gol da honrra das de Marín anotouno Adriana no segundo palo (5-1) no 33′.
Outro derbi galego para o Marin a vindeira xornada
Este resultado coloca ao Poio Pescamar no cuarto lugar. Dentro de postos de play-off. No caso do ENCE Marín Futsal, a derrota e o triunfo do Leganés ante o Universidad de Alicante, fai que as galegas ocupen a undécima praza con 20 puntos.
Na xornada 19ª desta Primeira División do FSF da RFEF o Poio Pescamar xogará co Atlético Torcal (penúltimas), mentres que o ENCE Marín Futsal recibe ao Ourense Envialia que marcha sétimo con dous partidos menos.
FICHA TÉCNICA
5) POIO PESCAMAR: Caridad; Luci Gómez, Irene García, Dani Sousa e Ana Rivera – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Anna Escribano, Luisa Mayara, Julia Dupuy, Martita, Agostina Chiesa e Ángela Guimaraes.
1) ENCE MARÍN FS: Silvia Aguete; Pau, Ceci, Jessy e María León – quinteto inicial -. Tamén xogaron: María León, Mar, Pau García, Dani Fleitas, Lucía e Inés Mayán.
GOLES: 1-0, min. 8 Dani Sousa. 2-0, min. 10 Dani Sousa (diez metros). 3-0, min. 18 Agostina Chiesa. 4-0, min. 24 Ana Rivera. 5-0, min. 25 Julia Dupuy. 5-1, min. 33 Adriana
ÁRBITROS: Cardero Rodríguez e Feliz Otero. Recibiron cartón amarelo María León, Gaby, Jessy, Adriana no ENCE Marín Futsal, e Ana Rivera, Julia Dupuy nas filas do Poio Pescamar.
INCIDENCIAS: Partido da Primeira División da RFEF disputado na Seca. Gardouse un minuto de silencio en recordo dos finados no naufraxio en Terranova do Vila de Pitanxo.




















