Unha boa defensa, seria e contundente e apostando os intentos ofensivos ao contragolpe, esa foi a carta de presentación que puxo sobre a pista de La Estación o Poio Pescamar. O plan ía por bo camiño ata que a falta de tres minutos para a conclusión da primeira metade o Futsi Atlético Navalcarnero abría a lata cun tanto de Ari.
As vermellas e brancas estaban en casa, son líderes por méritos propios e viñan de perder o seu primeiro e único partido nesta Liga. Eran polo tanto un rival forte e que rabeaba por voltar á senda do triunfo. Así e todo o Poio Pescamar plantexou un partido moi serio baseado nunha férrea defensa e apostando polas contras para perforar a meta rival. Aguantou ben as embestidas do Futsi pero finalmente acabou por dobregarse ante as chegadas das locais.
O primeiro tanto, obra de Ari chegaría no minuto 17 de partido. Houber ata entón moita posesión de balón e control do partido por parte do Atlético Navalcarnero pero sen éxito ante a meta galega. E as conserveiras tiveran as súas chegadas con perigo ao contragolpe. A máis clara, de Anna Escribano.
Caridad estivo, unha xornada máis, moi fiable baixo paus freando as chegadas do Futsi.
O primeiro tanto das locais doeu ás galegas pero non as fixo recuar. O segundo, que chegou aos tres minutos de comezar a segunda metade, xa foi fariña doutro costal. Anita Luján anotaba de volea un tanto que situaba o electrónico cun 2-0.
Aínda que o Poio Pescamar fixo o que puido para buscar a meta rival, non chegou o seu fútbol para conseguilo. Á procura da remontada, as vermellas tiraron de xogo de cinco nos últimos cinco minutos de partido. Martita foi que exerceu de porteira – xogadora. Esta opción, é sabido, suma en ataque pero ten o enorme risco de deixar desfornecida a meta e pode supoñer unha exposición ante roubos de balón ou contras.
Foi o primeiro dos casos o que aconteceu en La Estación. Faltaban dous minutos para o final do encontro cando Ari roubaba o esférico e cabalgaba até a cancha rival para anotar a pracer o 3-0 definitivo que outorgaba o triunfo as locais e deixaba ao Poio Pescamar no mesmo lugar que cando empezaran: Terceiras e empatadas a puntos coas cuartas, o FSF Móstoles que perdía ante o ENCE Marín Futsal.
O seguinte cruce, vital para as aspiracións do Poio Pescamar
O vindeiro partido será crucial para as aspiracións do Poio Pescamar. As conserveiras reciben ao Melilla Sport Capital Torreblanca FS. As melillenses son quintas a dous puntos das vermellas. Por iso gañar este partido é fundamental na loita por manterse entre os catro primeiros clubs da táboa na Primeira División do FSF estatal.
As rivais das vermellas venceron 2-6 a domilicio ao Rayo Majadahonda AFAR 4 FSF. Este resultado, sumado ás derrotas de AD Arriva Alcorcón e Ourense Envialia permitíronlles trepar na táboa do sétimo ao quinto posto. A clasificación está nun pano nesa zona adxacente á nobre e calquera tropezo pode ser decisivo. Algo que, abofé, han ter claro as galegas a vindeira fin de semana.
FICHA TÉCNICA
3) ATLÉTICO NAVALCARNERO: Marta Balbuena, Irene, Anita Luján, Lora e Ame Romero – quinteto inicial -. Tamén xogaron: María Sanz, Ari, Ju Delgado, Laura Córdoba e Becha.
0) POIO PESCAMAR: Caridad; Irene, Dani Sousa, Luci e Martita – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Agostina Chiesa, Ana Rivera, Jane, Julia Dupuy, Anna Escribano e Luísa Mayara.
GOLES: 1-0, min. 17 Ari. 2-0, min. 22 Anita Luján. 3-0, min. 38 Ari
EQUIPO ARBITRAL: Raquel Gutiérrez Muñoz y Luis Manuel Manso Martín. Recibieron cartulina amarilla Luísa Mayara en el Poio Pescamar.
INCIDENCIAS: Partido da Primeira División do fútbol sala feminino da RFEF disputado na cancha de La Estación. O encontro foi transmitido por Live Vuvuzela.