O triunfo por 0-4 do Poio Pescamar na cancha do UA Alicante afianza ás galegas na zona nobre da táboa. A falta de nove xornadas para o final da competición, o equipo que adestra Manu Cossío está no cuarto lugar, en postos de play-off. Contan as galegas con tres puntos de vantaxe co Arriva AD Alcorcón FSF, quinto clasificado.
Arrincou o partido en terras alacantinas con bastante igualadade na pista, pero en canto abriu a lata dos goles, o Poio Pescamar non tivo parada.
Foi ao cuarto de hora de xogo cando Jane anotaba o 0-1 que adiantaba ás galegas antes do descanso. Á volta de vestiarios as conserveiras mandaban sobre a pista de Mutxamel. No minuto 28 anotaba Dani Sousa o 0-2 incrementando a vantaxe das galegas.
O xogo de cinco non serviu ás alacantinas para facerse co partido nin para anotar. O Poio Pescamar anotaba o 0-3 por medio de Martita nunha contra que montou Dani Sousa. No último minuto do partido, novamente Jane, redondearía o marcador ata o 0-4 cun tanto que marcou a porta baleira.
A vindeira semana o Poio Pescamar recibe ao CD Leganés, undécimo clasificado neste momento na Primeira División.
FICHA TÉCNICA
0) UA ALICANTE FSF: Elena; Rocío, Anita Pino, Sara Navalón e Aitana – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Sara Roelas, Raquelilla e Elena Sanchís.
4) POIO PESCAMAR: Caridad; Ana Rivera, Luci, Irene e Dani Sousa – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Agostina Chiesa, Jane, Martita, Luísa Mayara, Anna Escribano e Ángela.
GOLES: 0-1, min. 15 Jane. 0-2, min. 28 Dani Sousa. 0-3, min. 35 Martita. 0-4, min. 39 Jane.
EQUIPO ARBITRAL: Pablo Delgado Sastre e Samuel Gabaldón Rico. Sen cartóns.
INCICENCIAS: Cancha de Mutxamel. Partido correspondente á 21ª xornada da Primeira División do fútbol sala feminino da RFEF.