Tropezo do Poio Pescamar. As vermellas, logo dunha boa serie de resultados, veñen de perder pola mínima diante dun rival directo na loita por estar nos catro primeiros lugares.
O equipo que adestra Manu Cossío aguantaba o tipo ata que, a seis minutos do final, o STV Roldán anotaba un gol que, finalmente, lles daría o triunfo. Con este resultado as galegas non soltan o cuarto posto, pero ceden renta fronte aos equipos que as perseguen, entre os que está, xustamente o seu rival desta fin de semana.
A intensa presión do rival e falta de efectividade e de claridade de ideas nos últimos metros foron demasiado para as galegas que, tras aguantar todo case todo o partido, remataron por encaixar un gol na recta final do coche.
Ademais dunha presión que non deixaba pensar ao Poio Pescamar, o STV Roldán tirou de verticalidade e de rapidez cando se facía co balón pensando e mirando sempre cara a meta rival á procura de sorprender cun gol e sacar petróleo diso.
As mellores ocasións do Poio Pescamar chegaban nos últimos minutos da primeira metade. Foi aí cando se safaba da presión do STV Roldán e conseguía pensar e mover o balón con criterio.
Podería pensarse que tras o descanso o desgaste físico aparecería nas pernas das murcianas e que a súa intensísima presión baixaría de intensidade. Pero non. Iso no aconteceu. Os nervios empezaron a aparecer nas filas vermellas e con eles, as imprecisións.
O gol das visitantes chegaría cun roubo de pelota en tres cuartos de cancha. Mariángeles habilitaba o esférico cara a Mayte Mateo que so tiña que empurrar o balón para bater a Caridad.
Botou man o Poio Pescamar de todo o seu arsenal ofensivo e do xogo de cinco poñendo en cancha a Martita. Case chega o empate, pero o STV Roldán defendíase con moita orde e conseguíu quedar cos tres puntos.
Con este resultado, aínda que sigue cuarto, o Poio Pescamar ve reducida a súa vantaxe co quinto, o Arriva AD Alcorcón FSF, en so 1 punto. Unha marxe moi curta para unha liga tan disputada. Na sexta praza, o STV Roldán, con dous puntos menos cas galegas, e na sétima Melilla Sport Capital Torreblanca FS, a so un triunfo do Poio. Así de axustada está a loita polo cuarto lugar na táboa da Primeira División do FSF da RFEF.
O Roldán recibe ao Ourense na seguinte xornada
O seguinte partido de Liga do Poio Pescamar será o 2 de abril co Universidad de Alicante do que lle separan 4 puntos pese a que as alacantinas sexa novenas e as galegas cuartas. O dito, esa parte da táboa está nun pano e calquera tropezo ou acerto marcan movementos importantes cara a ocupar postos na zona nobre.
Pola súa parte o STV Roldán recibe ao Ourense Envialia que tamén está metido de cheo nesa loita por entrar nos catro primeiros lugares, así que é moi probable que o conxunto que adestra Morenín faga que as murcianas pisen o freo na súa persecución ao Poio Pescamar. De feito, se gañan, as ourensás poderían alcanzar ata a quinta praza e ser as favoritas para entrar neses catro lugares de honra se alguén lles dá opción.
FICHA TÉCNICA
0) POIO PESCAMAR: Caridad; Martita, Luci Gómez, Dani Sousa e Ana Rivera – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Anna Escribano, Agostina Chiesa, Luísa Mayara, Dupuy, Ángela e Jane.
1) STV ROLDÁN FSF: Cristina; Mayte Mateo, Consuelo, Mariángeles Villa e Noelia Montoro – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Alba Gandía, Andrea, Patri, Ángela e Marian.
GOL: 0-1, min. 34 Mayte
ÁRBITROS: José Manuel Carreira e Rubén Ferrero. Recibiron cartón amarelo polo STV Roldán FSF Mariángeles Villa, Alba Gandía e pola parte do Poio Pescamar, Luísa Mayara.
INCIDENCIAS: Partido da 20ª xornada da Primeira División do FSF da RFEF xogado na cancha da Seca e transmitido por Live Vuvuzela.