O último partido do ano 2022 do Durán Maquinaria Ensino foi un enfrontamento para esquecer. As galegas asinaron a súa derrota máis avultada na cancha do Movistar Estudiantes (82-39). Unha pobre conta anotadora derivou na vitoria do local moito máis vivo e loitando por entrar na Copa da Raíña.
Aguantou o Durán Maquinaria Ensino o primeiro cuarto, que rematou cun 22-17 para as madrileñas, e pouco máis. No seguinte período as galegas so anotaron 5 puntos polos 24 das locais. O partido chegaba ao descanso 46-22.
Á volta do paso por vestiarios o escenario non mudou. No terceiro cuarto o Durán Maquinaria Ensino Lugo sumaba so 7 puntos ao seu marcador. Enfronte, o Movistar Estudiantes anotaba 20. O partido situábase cun 66-29 no cómputo global.
A MVP do partido foi Nadia Fingall cun 40 de valoración tras anotar 27 puntos. A máxima anotadora das galegas foi Paula Ginzo con 10 puntos, foi tamén a máis valorada das lucenses cun 11.
No último período o parcial foi de 16-10 colocando o partido co definitivo 82-39 que deixaba definitivamente fóra da Copa da Raíña ás lucenses que adestra Antonio Pernas, e mete nesa fase final que se disputará en Zaragoza ás madrileñas.
Antonio Pernas: “Houbo so un equipo na pista e foi o Estudiantes”
O técnico do equipo galego, Antonio Pernas, non ocultaba que “só houbo un equipo na pista do Magariños e foi o Estudiantes, xusto merecedor da vitoria”.
Explicaba o adestrador que “xogar en 48 horas é bastante complicado e tiñamos unha viaxe de cinco horas por medio. Non é doado pero non é excusa”, explicaba o adestrador que lembraba que o Durán Maquinaria Ensino de Lugo afrontou o partido tamén con “baixas e xogadoras con problemas físicos… É o que hai… Intentamos facer o noso xogo pero o houbo un bo facer do rival e tampouco atopamos as nosas mellores sensacións”, admitía o entrenador das galegas.
FICHA TÉCNICA
82) MOVISTAR ESTUDIANTES (22+24+20+16): Erauncetamurgil (8), Nadia Fingall (27), Gretter (6), Mollenhauer (14) e De Santiago (2) – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Saravia, Méndez (5), Espín (2), Billie Massey (8) e Becky Massey (2).
39) DURÁN MAQUINARIA ENSINO (17+5+7+10): Esther Castedo, Alba Prieto (8), Laura Aliaga (7), Margaret Roundtree (5) e Lidya Giomi – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Anne Olaeta (6), Lorena Segura (3), Paula Ginzo (10), Brittany Miller e Marina Martiáñez
PARCIAIS: 22-17, 46-22 – descanso – 66-29 e 82-39.
EQUIPO ARBITRAL: Carlos Javier García León, Juan P. Morales García Alcaide e María Cortés Payá. Sen xogadoras eliminadas.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 15ª xornada na Liga Femenina Endesa disputado no pavillón A. Magariños.