A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de publicar o anuncio da primeira fase da XVII edición do Plan de Patrocinio dos equipos de alta competición de Galicia da tempada 2025/2026. Esta primeira fase do plan contará cun orzamento de máis de 2,2 millóns de euros (2.208.250 euros) para convidar a 117 equipos que xa recibiron a notificación por parte da Fundación Deporte Galego (57 femininos, 58 masculinos e 2 mixtos).
Segundo informa a Xunta de Galicia, na tempada 2024/2025 o Plan, entre as súas dúas fases, chegou aos 3,5 millóns de euros.
Dende a tempada 2021/2022 o plan adáptase ao calendario de competición dos equipos galegos con dúas fases, en troques de obedecer ao exercicio anual.
Grazas á consolidación deste plan e a implicación e compromiso das entidades patrocinadas que cumpren estritamente as esixencias publicitarias establecidas pola Fundación, para esta tempada 2025/2026, unha vez máis, todos os clubs obxecto deste patrocinio serán o escaparate perfecto para demostrar que o Deporte Galego é un soporte publicitario de gran valor para exportar polo mundo a imaxe do noso tecido empresarial galego.
Desde o primeiro plan os equipos galegos recibiron 46M€
O Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición pode ser consultado na páxina web do Deporte galego.
En total, desde o primeiro ano do Plan (2009/2010) os equipos de alta competición de Galicia recibiron máis de 46 millóns de euros, sumando a contía total do Plan 2025/2026.
Cómpre destacar, ademais, o plan específico para conxuntos femininos de primeiro nivel vinculado á Campaña de promoción e sensibilización do deporte feminino galego, que xa vai pola súa sexta edición.





















