Sempre se di que nun derbi pode pasar calquera cousa e así foi no duelo de rivalidade galega entre Viaxes Amarelle FSF e Pescados Rubén Burela. As da Mariña, sobre o papel superiores ás herculinas, asinaron o gol que lles deu o triunfo no último minuto de partido na Sagrada Familia. O 2-3 subía ao marcador a falta de 40 segundos para a bucina. Coruñesas e lucenses alternáronse no marcador nun partido moi loitado.
O equipo herculino do Viaxes Amarelle FSF, dirixido por Jorge Basanta, disputou un partido de ti a ti contra o Pescados Rubén Burela FS que leva sendo considerado o mellor equipo de futsal feminino do mundo os dous últimos anos. Viviuse neste derbi galego un partido moi igualado no que as visitantes poñíanse primeiro por diante. Logo as coruñesas dábanlle a volta ao partido.
A expulsión de Tety condicionou o tramo final do partido, momento no que as da Mariña puxeron toda a carne o asador e as herculinas terminaron deixando escapar un empate e reparto de puntos que sabía a triunfo.
De novo o Burela FS viuse con dificultades para marcar gol como xa lle tiña pasado ao equipo que prepara Julio Delgado a pasada semana en Murcia ante o Alcantarilla. Chegouse ao descanso cun 0-0 no marcador, pero con moitas oportunidades, entre outras, dúas de Emilly nos minutos 3 e 6 ou de Irene Samper no 7 . En fronte, as coruñesas souberon defender o seu terreno. Concederon as lucenses en defensa máis do habitual. Así, as xogadoras do Burela FS, notáronse algo mermadas durante a primeira parte e custoulles encontrar o gol sufrindo máis do acostumado ata o descanso.
O partido empezaba cun Pescados Rubén Burela FS que quería levar a iniciativa do xogo no partido; pero o Viaxes Amarelle FSF cunha presión alta de balón conseguía dificultar a saída de balón das visitantes, e trataba de xerar perigo con balóns longos ao pivote, aínda que a mellor das ocasións chegaría para Cris Lourés cun un para un contra a meta visitante, onde Caridad aguantaba moi ben a posición e evitaba que as herculinas se adiantasen.
O Pescados Rubén Burela FSF tamén trataba de buscar a portería herculina; pero Leti Rojo destacaba baixo os paus das locais para evitar que o marcador se movese. Os minutos pasaban, e ningún dos dous equipos conseguía dobregar a defensa contraria, e ao final do primeiros vinte minutos, o partido íase ao tempo de asueto co 0-0 inicial.
Na continuación, o partido empezaba cun Pescados Rubén Burela FS moito máis activo no xogo de ataque, movendo moi rápido o balón; pero onde as herculinas sabían exercer unha boa defensa, aderezado con grandes intervencións de Leti Rojo. Pero aos cinco minutos de xogo, Emilly Marcondes sácase un potente disparo exterior de oito metros, co que sorprende á porteira herculina, e coloca o 0-1 no marcador da Sagrada.
O Viaxes Amarelle FSF é un equipo que nunca baixa os brazos, e seguiu pelexando por conseguir a igualada. Apenas dous minutos máis tarde, Cris Lourés finalizaba no segundo pau un disparo, á saída dun córner, de Tety poñendo o 1-1 no marcador. De novo táboas no electrónico.
As locais conseguían poñer a igualada no marcador, e o Pescados Rubén Burela FS estaba a ter cada vez máis dificultades para poder facer gol.
O Viaxes Amarelle FSF atopaba o 2-1 cun disparo de algo máis de 25 metros de Carol Agulla, que sorprendía a Jozy e poñía ás herculinas por diante no marcador. Aínda quedaba moito partido por diante, pero as visitantes cargábanse de faltas, e cando aínda non se chegou á medianía deste segundo período sumaban a quinta falta. O conxunto da Mariña buscaba con ansia o gol, pero Leti Rojo saía a defender a súa portería, e unha férrea defensa laranxa evitaban o gol visitante.
O equipo dirixido por Jorge Basanta estaba no seu mellor momento, pero a falta de algo máis de oito minutos para o final do partido, Tety vía a segunda tarxeta amarela e isto supoñía a expulsión da xogadora brasileira e deixaba ao conxunto herculino en inferioridade numérica na pista un tramo do partido.
As herculinas tiñan que defender durante 2 minutos a superioridade do 4 para 3 contra un rival que só cedeu un partido en toda a tempada.
Irene Samper poñía o 2-2 no marcador aos 30 segundos de ter esa superioridade na cancha. Aínda quedaban minutos por diante, e coa igualada no marcador, as herculinas recuperaban a igualdade de xogadoras sobre a cancha e conseguían manter o partido no 2-2.
O Burela aposta polo xogo de cinco e gaña o partido
As visitantes cada vez estaban con máis ansias do gol, e a falta de algo máis de 3 minutos, optaron por sacar o xogo de cinco para tratar de levar os tres puntos.
O Viaxes Amarelle FSF conseguía manter baixo control ao Pescados Rubén Burela FSF, pero a falta de algo máis de 40 segundos para o final, Cilene conseguía subir o 2-3 ao marcador. Con 40 segundos por diante, o Viaxes Amarelle FSF tiraba de heroica co xogo de cinco; pero o partido chegaba ao seu final co 2-3, nun encontro onde o conxunto herculino mereceu algo máis e o lucense loitou con todo para levar o triunfo.
O conxunto coruñés ten hoxe, domingo, xornada de descanso, e o luns retomasen os adestramentos, para afrontar o último partido do ano contra un rival que está na loita pola permanencia.
A Primeira RFEF Futsal Feminina afronta a décimo terceira xornada da competición, en partido que terá lugar o sábado 17 de decembro de 2022, a partir das 18:45 horas no Polideportivo Municipal Carrús (Elxe), onde o Viaxes Amarelle FSF visitará ao Clínica Blasco Visitelche Joventut D’Elx. No caso do Pescados Rubén Burela tamén xoga do 17/12/22, neste caso a partir das 18:30 horas. O seu rival é o LBTL Futsal Alcantarilla que esta xornada vencía 4-1 ao ENCE Marín Futsal.
FICHA TÉCNICA
2) VIAXES AMARELLE FSF: Leti Rojo, Carol Agulla, Lau Doce, Èlia Gullí e Clàudia Lobo – quinteto inicial -. Tamén xogaron: Cris Lourés, Tety, Laura Rivas, Khrystyna Stepanenko, Marta Hermo e María Gómez.
3) PESCADOS RUBÉN BURELA FSF: Caridad, Cilene, Peque, Emilly Marcondes e Patri – quinteto inicial -. Tamén xogaron Jenny Santos, Antía Pérez, Irene Samper, Danny e Jozy (porteira).
GOLES: 0-1 Emilly Marcondes (min. 25); 1-1 Cris Lourés (min. 27); 2-1 Carol Agulla (min. 28); 2-2 Irene Samper (min. 32); 2-3 Cilene (min. 40).
EQUIPO ARBITRAL: Lida Crespo Pardo e Daniel Dacal Deza do Comité Técnico de Árbitros de Vigo. Arbitro Asistente: Sergio López Riveiros do Comité Técnico de Árbitros da Coruña. Mesa: Lucía Manso Porteiro do Comité Técnico de Árbitros da Coruña. Amonestaron a Clàudia Lobo e Cris Lourés, nas filas do equipo do Viaxes Amarelle FSF con cartón amarelo. Tety do Viaxes Amarelle FSF viu dobre cartón amarelo. No conxunto do Pescados Rubén Burela amonestouse a Caridad e Julio Delgado con cartón amarelo.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á duodécima xornada da Primeira RFEF Futsal Feminina da RFEF, derbi galego disputado no Pavillón Municipal de Sagrada Familia na Coruña.