O vindeiro 8 de febreiro farase entrega do XXIX Trofeo José Luis Alonso Riestra, e Ana Peleteiro, bronce nos triplo salto nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020, é unha das nominadas.
Este premio concédese ao mellor atleta español do ano, home ou muller, e a galega é unha das candidatas a gañalo. Cada ano, este galardón rinde homenaxe ao deportista máis destacado entre as distintas modalidades das probas atléticas.
Máis dun centenar de persoas, entre directivos, xornalistas, adestradores, atletas, xuices, clubs e deportistas retirados votan para escoller ao atleta do ano.
Xunto a Peleteiro tamén están nominados outros nomes como o galego Adrián Ben, olímpico no medio fondo, ademais de Asier Martínez, finalista olímpico nos 110 metros valos, Marta Pérez, novena nos 1.500 metros e Mohamed Katir, finalista nos 5.000 metros dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020.
O trofeo ten en conta as marcas do atleta, ademais da súa regularidade, carisma, condición humana ou esforzo persoal realizado.