Cinco mulleres que padeceron cancro viven a aventura do Ártico no seu estado máis puro nesta sétima edición do Reto Pelayo Vida Polar: percorren máis de 2.500 millas náuticas que as separa desde o porto de Vigo ao Círculo Polar Ártico, o famoso paralelo 66 Norte. Ese punto do planeta está considerado a fronteira entre o océano Atlántico e o océano Ártico. O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reuníase coas participantes desta 7ª expedición ao Círculo Polar Ártico, dentro do programa Reto Pelayo Vida Polar 2021 antes da súa partida desde terras galegas.
Tal e como informan desde o Reto Pelayo Vida Polar 2021 as cinco navegantes terán que enfrontarse, a novas experiencias e retos con gran esixencia. Esta expedición está creada para que as participantes formen parte da tripulación e como tal, terán que asumir as gardas cada tres horas, durmir por quendas en ‘cama quente’, non sempre terán unha ducha á súa disposición e tamén deberán realizar quendas para facer a comida e limpeza do barco.
Trátase dunha aventura de navegación por difíciles augas e en condicións climáticas moi duras. Serán un tripulante máis da embarcación, traballando para dirixir o barco e facendo as gardas necesarias durante a travesía.
O Reto Pelayo Vida Polar 66 Norte contra o cancro ten como fin divulgar os beneficios de realizar exercicio físico durante e despois do tratamento de cancro navegando nun lugar da Terra absolutamente extremo como son as xélidas augas do Atlántico norte e Ártico.
Así e o Reto Pelayo Vida Polar 2021
Rodeadas de xeo, icebergs e glaciares, deberán navegar a temperaturas baixo cero, en augas extremas sen ningún tipo de asistencia exterior. Unha proba de resistencia para cinco mulleres que demostraron que si era posible superar unha enfermidade como o cancro e que si será posible percorrer esta distancia nunha paraxe espectacular pero á vez moi agresivo debido ás súas temperaturas extremas.
Esas cinco mulleres son: Ana (Madrid), Lourdes (Pamplona), Ana (Valencia), Natalia (Madrid) e Susana (Málaga). Teñen entre 38 e 55 anos e todas elas padeceron cancro de mama. Ao fronte da expedición está outra muller, Pilar Casares. Ao contrario das súas compañeiras de tripulación que responden a perfiles profesionais que nada teñen que ver coa navegación, Casares é patrón de altura e Técnica Superior en Mecánica Naval e ten feito centos de travesías. É tamén regatista e participou en equipos femininos no circuíto feminino de Match Race.
“Para min é unha honra ser elixida directora do Reto Pelayo Vida e poder dirixir a este cinco valentes mulleres até o Círculo Polar Ártico. Só ver o empuxe vital que teñen xa son un exemplo para todos”, declarou Pilar Casares, como directora da expedición.
Recepción de Feijóo
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recibía ás participantes antes de partir. No acto, reiterou o compromiso da Xunta na loita contra o cancro e a aposta pola prevención e detección precoz.
O presidente da Xunta de Galicia aproveitou a toma de contacto para amosarlles a súa admiración e desexarlles unha boa travesía da expedición este venres desde o porto de Vigo cara a Groenlandia.
Núñez Feijóo lembrou algunhas das medidas postas en marcha en Galicia nos últimos anos como os programas poboacionais de cribados de cancro de mama, cérvix e e colorrectal, a implantación das vías rápidas, o decreto de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias, a colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para a implantación do primeiro centro de produción de medicamentos CAR-T da Comunidade ou a candidatura aos Fondos Next Generation da creación dun centro de protonoterapia, entre outras.