A galega Paula Novo comeza este mesmo luns, 31 de maio, as sesións de traballo coa Selección Española sub17. A xogadora do Dépor ABANCA B permanecerá concentrada co combinado estatal ata o xoves, 3 de xuño. A concentración lévase a cabo en Alfaz del Pi (Alicante).
A futbolista branquiazul, con experiencia na sub15 e na sub16, segue o camiño de Carlota, Eva Dios ou Sara Álvarez, tamén habituais nas categorías inferiores da Selección Española.
Na competición ligueira, Novo foi titular no derradeiro partido do filial deportivista, disputado ante o Gijón FF, enmarcado no grupo polo ascenso no que as coruñesas finalizaron penúltimas. Ao longo da tempada, foi titular no once de Kevin Cabado en 17 dos 19 partidos nos que competiu.