Revolución total no Mecalia Atlético Guardés. A falta de confirmación oficial, o equipo miñoto non contará de cara a vindeira temporada con Paula Arcos, Gabriela Pessoa nin co seu adestrador José Ignacio Prades. Tal como adiantou o portal DeporteCienporCien, a secretaría técnica da Guarda dan por perdidos a tres dos seus grandes referentes do pantel, polo que a precisión na configuración da escadra en vistas á nova tempada semella crucial.
Paula Arcos e Gabriela Pessoa, de norte a sur
A parcela ofensiva do Guardés perderá a dous dos deus activos máis valiosos. As laterais Paula Arcos e Gabriela Pessoa non continuarán ligadas á entidade guardesa e reforzarán a dous dos conxuntos máis fortes da categoría.
Por unha banda, Paula Arcos, unha das grandes apostas de presente e futuro do balonmán nacional abandonará o equipo logo de chegar a converterse en internacional absoluta nos seus anos na Sangriña. A de Petrer, chamada a liderar a selección nacional no futuro inmediato asinará polo Bera Bera donostiarra, actual campión da Liga Guerreras Iberdrola.
A xoven xogadora que chegara fai dous anos ao Guardés procedente do BM Elxe non acadou un acordo para a renovación do seu contrato e deixará ao remate da presente campaña ao clube no que se fixo un nome no panorama nacional e continental.
Pola outra, Gabriela Pessoa, quen chegou fai menos dun ano á disciplina guardesa, tamén deixará a entidade para asinar polo Rincón Fertilidad Málaga, deixando maltreito franco esquerdo do conxunto miñoto que está obrigado a peitear o mercado na procura de novos efectivos de garantías.
José Ignacio Prades non poderá compatibilizar Selección e Guardés
Ás baixas de Paula Arcos e Gabriela Pessoa hai que sumarlle a tamén a case segura partida do adestrador, José Ignacio Prades, a quen a Federación Española de Balonmán non lle permitirá seguir compaxinando o seu labor como seleccionador nacional co seu posto no banco da Sangriña.
O de Petrer porá deste xeito punto e final a un lustro de traballo nas beiras do Atlántico para adicarse en exclusivaa ao seu rol como adestrador das Guerreras.
O seu actual segundo adestrador, Abel González, é unha das opcións que máis forza está a coller para ocupar o seu asento no banco do conxunto miñoto.
🤾 José Ignacio Prades @joseignacioprad tampouco continuará no @Atlguardes_ofic ao remate desta campaña. O técnico alacantino vaise adicar en exclusividade a selección española @RFEBalonmano ‼️
🤾 Paula Arcos @PaulaArcos10 tamén deixará de xogar na Sangriña‼️ pic.twitter.com/sUxkCyGq6a
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) March 17, 2022