- A colocadora granadina Patricia Aranda, que se definiu como “unha xogadora agresiva e competitiva”, puxo alto o seu listón de metas individuais no día da súa presentación
A xoia da coroa xa está na casa. Patricia Aranda xa viviu as súas primeiras horas en Lugo, que incluíron a súa posta de longo como xogadora do CV Arenal Emevé na sede do patrocinador principal.
Flanqueada polo CEO de Arenal, Rafael Marzan; e o director xeral do Arenal Emevé, Rubén López; a xogadora granadina Patricia Aranda ofreceu a súa primeira comparecencia diante dos medios de comunicación lucenses.
Antes, Rafael Marzán destacou o orgullo poder contar cunha xogadora como a colocadora da Selección Española e á vez seguir apoiando o labor formativo do club: “Estamos moi contentos coa fichaxe de Patricia porque cremos que vai ser un valor moi importante para a cultura que representa o Arenal Emevé. Cada vez máis nenos e nenas inícianse neste deporte, o que fai que esteamos moi satisfeitos de apoiar o labor do único club capaz, ademais, de ter dous equipos en Superliga”, indicou.

A nova xogadora das Loitadoras mostrouse ambiciosa desde as súas primeiras palabras. Patricia Aranda asegurou que quere “xogar finais. Son unha persoa moi competitiva e creo que a competitividade, xunto coa experiencia, poden facer que o equipo siga avanzando. Este club sempre mira cara arriba e iso é moi importante”.
O proxecto de futuro do club, liderado por Pascual Saurín desde o banco e pola propia Aranda desde a pista, foi o gran motivo que atraeu a Lugo á colocadora, que asegurou que lle “motivaron as primeiras palabras que recibín por parte do CV Arenal Emevé, nas que se me presentou un proxecto bastante bonito, ambicioso e non o dubidei. Tiven varias ofertas de España e de fóra, pero a idea que se me presentou motivábame tanto que non mo pensei”.
Patricia Aranda: “O liderado é algo innato que levo comigo”
A veterana deportista ha asumido con naturalidade o rol co que chega ao equipo e afirmou que “o liderado é algo innato, que levo comigo, e vou ser unha das líderes do equipo, iso si o podo asegurar”.
Patricia Aranda definiuse como “unha xogadora agresiva e competitiva” e recoñeceu que lle “gusta xogar sempre contra rivais que mo poñen difícil porque é o que che fai mellorar”.
Ao mesmo tempo volveu a lembrar a súa ambición por “gañar sempre. Dáme igual que sexa un adestramento, un amigable, un partido de liga, de copa ou de Champions. Eu quero gañar, aínda que evidentemente non sempre se logra, pero apunto a unha competitividade sa e que o equipo sempre estea a buscar dar un paso máis”.
Patricia Aranda: “Eu quero gañar, aínda que evidentemente non sempre se logra, pero apunto a unha competitividade sa e que o equipo sempre estea a buscar dar un paso máis”
Tamén se mostrou moi satisfeita co grupo que se está formando: “É un equipo novo no que hai xogadoras tamén con experiencia internacional que comparten comigo selección, como Lucía Prol e Carolina Camino, algo que creo que é importante para o club”, indicou.
Un mito do voleibol 🏐 xogará en Lugo no @cvemevelugo
Patricia Aranda @pat5aranda é unha das mellores da historia en España
🏆 1 Liga, 3 Copas, 2 Supercopas no seu palmarés
🇪🇸 🇫🇷 🇵🇪 Experiencia en Francia (foi MVP) ou o Perú🎙️ “Quero xogar finais, son moi competitiva” pic.twitter.com/wniBL2H12b
— En Xogo tvG2 (@EnXogo_tvG2) July 4, 2023
Para concluír Patricia Aranda volveu a lembrar a ambición das súas metas e expresou o seu desexo de que o equipo non sufra lediones: “O meu obxectivo individual é meter ao CV Arenal Emevé na final da Copa da Raíña e da liga. Ese é o meu obxectivo, logo poden pasar moitas cousas, pero veño cun obxectivo individual moi ambicioso porque me gustan os retos. No meu equipo anterior cheguei coa meta de lograr títulos e ata que non o logrei non parei. Estou segura de que vai ser unha tempada exitosa e só pido que as lesións non se acheguen a nós”.