- O campo de fútbol de Pastoriza, no Concello de Arteixo, acollerá a primeira fase do Campionato de España Sub-15 e Sub-17 feminino no que participan as seleccións de Canarias, Extremadura e Galicia.
É o momento de activar a conta atrás definitiva para dar o pistoletazo de saída á primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas das categorías Sub-15 e Sub-17 femininas.
As nosas futbolistas xogaranse a clasificación para a loita polo título en casa, no novo e moderno campo de Pastoriza, no Concello de Arteixo. As seleccións galegas mediranse aos combinados de Canarias e Extremadura nunha fin de semana de fútbol en estado puro.
O propio escenario do campionato foi o lugar elixido esta semana pola RFGF e o Concello de Arteixo para presentar oficialmente o evento, unha instalación que xa loce as súas mellores galas para albergar unha das citas máis esperadas da tempada para o fútbol feminino estatal.
Á posta de longo, que tivo lugar este mércores día 30 de marzo no campo municipal de Pastoriza, no propio Concello de Arteixo, asistiron o vicepresidente da RFGF, Juan Luis Villamisar; o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; a concelleira de Deportes, Purificación Zas; o presidente da SCD Pastoriza, Rogelio Arijón; e o vicepresidente do club Germán González.
Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo: «É unha honra para nós»
O vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF), Juan Luís Villamisar, quixo agradecer, en primeiro lugar, ao Concello de Arteixo e ao club local, a SCD Pastoriza, «pola súa predisposición desde o minuto 1 para poder celebrar aquí este campionato e que sexa a nosa casa durante a fin de semana».
Villamisar destacou que esta primeira fase do Campionato de España «é un fito importante para esta zona. Ata a data non se celebrou un evento deste tipo no Concello de Arteixo. É un orgullo para nós e un pracer poder poñer en marcha un campionato feminino na casa dun club, a SCD Pastoriza, que está a realizar un gran traballo».
O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, tamén salientou que «é unha posta importante para o deporte en xeral, e neste caso co fútbol feminino. E facelo nesta instalación, na casa da SCD Pastoriza, é unha honra para nós». «Vimos dunha pandemia e poder organizar un evento así, que xera tanta expectación, é moi importante para todos. Non estamos habituados a albergar un evento de nivel nacional, pero estou seguro de que vai ser todo un éxito e animo á xente a que veña a coñecer estas instalacións», engadiu.
Carlos Calvelo, alcalde de Arteixo: «Vimos dunha pandemia e poder organizar un evento así, que xera tanta expectación, é moi importante para todos. Non estamos habituados a albergar un evento de nivel nacional, pero estou seguro de que vai ser todo un éxito e animo á xente a que veña a coñecer estas instalacións»
Por último, Germán González, vicepresidente da SCD Pastoriza, afirmou «que se dispute isto aquí é un feito histórico. Estamos encantadísimos de que nos elixisen para poder celebrar este evento e tamén queremos agradecer ao Concello por poñernos entre mans esta instalación».
Germán González, vicepresidente da SCD Pastoriza: «levamos moitos anos apostando polo fútbol feminino e estamos moi satisfeitos. Temos catro equipos femininos en competición oficial e contamos en ter outro equipo cadete a próxima tempada»
En canto á aposta da entidade local polo fútbol feminino, Germán González salienta que «levamos moitos anos apostando polo fútbol feminino e estamos moi satisfeitos. Temos catro equipos femininos en competición oficial e contamos en ter outro equipo cadete a próxima tempada».
Pastoriza, o mellor escenario posible
O campo de fútbol de Pastoriza, no Concello de Arteixo, será a nosa casa durante a primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas femininas para as categorías sub 15 e sub 17 femininas que terá lugar do 1 ao 3 de abril. Galicia será a gran anfitrioa dun torneo no que tamén participarán as seleccións de Canarias e Extremadura.
A Real Federación Galega de Fútbol, grazas á inestimable colaboración do Concello de Arteixo, elixiu o campo de Pastoriza ao tratarse dunha moderna e extraordinaria instalación deportiva, cunha superficie sintética de última xeración, a súa dimensión é de 101 por 65 e foi inaugurado hai pouco máis dun ano. En definitiva, unha instalación que conta con todos os servizos necesarios para albergar unha cita deportiva deste nivel.
Ademais da calidade da instalación, a Real Federación Galega de Fútbol optou por organizar este evento no Concello de Arteixo e neste campo de Pastoriza debido á forte aposta da SCD Pastoriza e do goberno municipal polo fútbol feminino, xa que durante a presente campaña conta cun equipo na Liga Galega infantil, outro na Liga Galega Promesas e dous na Segunda División Galega Feminina.
Seis seleccións en 72 horas de fútbol en estado puro
Canarias e Extremadura serán os rivais das Seleccións Galegas Sub-17 e Sub-15 femininas na primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas. Desta primeira fase sairán os 8 combinados clasificados para loitar polo título nacional de Seleccións Autonómicas en ambas as categorías, que nesta segunda e decisiva fase formarán parte do denominado Grupo Ouro (as cinco primeiras de cada grupo e as tres mellores segundas).
As seleccións restantes que non lograsen clasificarse para formar parte deste Grupo Ouro tamén competirán no Grupo Prata.
Grupo Ouro
Formado por 8 seleccións divididas en dous grupos de catro: A e B. Durante tres xornadas enfrontaranse todos contra todos e os dous primeiros clasificados de cada grupo disputarán as semifinais.
Grupo Prata
Formado polas seleccións restantes divididas en tres grupos. Desta fase de «consolación» tamén sairá un campión.
Horarios da primeira fase do Campionato de España
Todos os encontros desta primeira fase do Campionato de España de Seleccións Autonómicas disputaranse (xornadas do venres, sábado e domingo) ás 10.30 horas (categoría sub 15) e ás 12.30 horas (categoría sub 17).
A Selección Galega Sub-15 que dirixe Vicky Vázquez será a encargada de abrir o campionato este venres día 1 a partir das 10.30 horas ante Canarias. Dúas horas máis tarde será a quenda da Selección Galega Sub-17 que prepara Quin Valbuena e ante o mesmo rival.
Para o sábado queda o dobre enfrontamento entre as seleccións de Canarias e Extremadura.
As nosas pecharán a cita o domingo ante as seleccións de Extremadura no campo de Pastoriza.
A Selección de Galicia debuta este venres no Campionato de España ante Canarias
















