Desde o mesmo espazo no que recibiu as agresións, as súas redes sociais, Desirée Vila denunciou este pasado 8M a situación que estaba a vivir. “Non imaxinades a cantidade de comentarios que teño recibido. Literalmente, centos”. A atleta paralímpica galega visibilizaba así unha situación de acoso que estaba a vivir e na que recibiu comentarios de índole sexual.
“Que eu faga unha broma co meu propio físico non significa que unha persoa que non me coñece de nada poida darse o luxo de facer comentarios de índole sexual”, explica a deportista na publicación na que responde ás persoas que enviaron comentarios ofensivos.
“Un estraño falando de sexo e do corpo dunha muller non é humor. Morbosear e faltar ao respecto a unha persoa non é un dereito que che dan as redes sociais. Non se trata de machismo, nin de feminismo, trátase de respectar a unha persoa sexa home ou muller, xa teña dúas pernas ou unha”, conclúe no texto que publica a deportista.
Desirée Vila: “Que eu faga unha broma co meu propio físico non significa que unha persoa que non me coñece de nada poida darse o luxo de facer comentarios de índole sexual”
No vídeo de resposta Desirée Vila relata da conta dalgúns dos comentarios recibido se explica: “Non imaxinades a cantidade de comentarios que recibín. Literalmente, centos”.
A atleta paralímpica, que adoita tratar con humor a súa condición de persoa con discapacidade, remarca que unha cousa é “que eu faga comentarios sobre a miña discapacidade, chistes, humor negro… e outra moi diferente é que o fagas ti, que ninguén che deu permiso”.
Tal e como relata Desirée Vila poñendo en contexto ás persoas que visualizan a súa resposta é que un vídeo previo seu fixérase viral en redes sociais. “Como aclaración ese vídeo non tiña ningún tipo de contido sexual, pero aínda que o fixese, tampouco estarían xustificados estes comentarios”, puntualiza a deportista.
No remate do vídeo a atleta de Gondomar declara: “Así que: ¡Feliz Día da Muller! O acoso que aínda recibimos por redes sociais é impresionante. Até o de agora coido que non era consciente por que nunca me tiña pasado a este nivel. As mulleres en moitas ocasións temos recibido comentarios deste tipo, pero esta última semana foi brutal”.
Ver esta publicación en Instagram
Nove anos do seu accidente
Desirée Vila practicaba ximnasia acrobática ata que perdeu unha perna por mor dunha lesión. Xustamente neste mes de marzo, a deportista galega fixo nove anos do accidente que deu lugar á súa discapacidade.
Nas súas redes explicaba que cumplía “9 anos de vida. Nove anos do día en que me amputaron a perna para regalarme unha segunda oportunidade. Pero non vos vou mentir, a primeira vez que me vin no espello co meu novo corpo sentín rexeitamento. Con 16 anos, plena adolescencia, chea de inseguridades, e coido que, máis aínda sendo muller, un corpo non normativo é algo que de primeiras non che parece atractivo (…) Pero aprendín a quereme. Fun regando o meu corpo con amor, compresión e cariño, e medraron novas flores. Puiden apreciar a beleza do diferente e entender o significado máis aló dun só muñón: a parte do corpo que me salvou a vida”.
Ver esta publicación en Instagram
Desirée Vila, diploma paralímpico en Toquio 2020
Nos Xogos Paralímpicos de Toquio 2020 Desiré Vila rematou a competición en 6.ª praza no salto de lonxitude T63 obtendo un diploma. Nos 100 ml T63 non conseguiu entrar na final paralímpica.