A galega Paula Otero xa é nadadora absoluta do Equipo Nacional. A deportista do CN Arteixo debutou co primeiro equipo no Campionato de Europa absoluto en piscina de 25 metros que se celebrou en Kazan (Rusia), cun debut cargado de bos resultados. A nadadora acadou dúas mellores marcas persoais e clasificouse para unha semifinal.
Otero era unha das convocadas máis novas da Selección Española, que contou cun total de once deportistas. O certame celebrado en Rusia serviu a modo de preparación para o Equipo Nacional, antes dos eventos en piscina de 50 metros de primaveira e verán da presente campaña. Da mesma forma, esta cita marcou o inicio do ciclo olímpico para París 2024.
Os resultados de Paula Otero en Kazan
Paula participou nun total de catro probas individuais e unha remuda. Primeiro nadou o 800 libre, acadando o 16º posto nas eliminatorias, cunha marca de 8:38.90. No 1500 libre, quedou a tan só un posto de entrar na final, sendo a novena clasificada cun tempo de 16:22.46.
As súas mellores marcas acadounas nas probas de 400 libre, 14º posto, e no 200 libre, proba na que se clasificou 18ª para a semifinal e que nadou rematando en posto 15º.
Finalmente, na proba de 4×50 libre mixta, na que a galega nadou na cuarta posta, o Equipo Nacional rematou no décimo posto.
Esta foi unha gran ocasión para Paula Otero de estrearse co Equipo Nacional Absoluto, ao que pertence grazas ás marcas acadadas a tempada pasada nas súas grandes citas como nadadora de categoría junior.
Podes consultar todos os resultados da competición europea nesta ligazón.