Primeiro partido do ano en Navia e da segunda volta e primeira vitoria para o Celta Zorka Recalvi. As celestes xogaban en casa contra o GDKO Ibaizabal, nun partido no que precisaban gañar para seguir crecendo na táboa da Liga Feminina 2. E así foi, pero non sen sufrir, cun axustado 55-50 final.
De maneira semellante ao encontro da primeira volta, as celestes dirixidas por Cristina Cantero tiveron que loitar ata o último minuto para levarse o partido por unha lixeira diferenza de puntos.
Un pulso entre galegas e vascas
As férreas defensas de locais e visitantes fixeron deste duelo da 14ª xornada de LF2 un pulso constante entre dous equipos moi competitivos.
Nos primeiros minutos, o Ibaizabal facíase co dominio do balón, cun gran acerto desde a liña exterior que lles permitía adiantarse no marcador. Ante esta situación, o Celta pisou o acelerador liderado por Celia García e Davydova para non quedar atrás e comezou a responder ás canastras rivais. Desta forma, as xogadoras de Cantero chegaron a colocarse por diante pola mínima (18-15) á fin do primeiro parcial.
A igualdade na pista seguiu patente no segundo cuarto, cando fixeron falta máis de dous minutos para que ambos equipos estreasen marcador. O partido era un vaivén de ocasións para os dous conxuntos, pero un parcial 6-2 aumentou a distancia das locais, que seguiron anotando ata lograr o 26-19.
Pouco durou a tranquilidade para o Celta en Navia, xa que en poucos minutos o conxunto vasco soubo reaccionar e achegabase peligrosamente ás celestes. Ao borde do descanso, co debut da junior celtista Luna Lázaro, o duelo seguía sen un gañador claro, cun 30-27 no electrónico.
Tras a pausa, unha boa actuación de Stamenkovic guiou ás galegas do Celta cara o trunfo, volvendo aos oito puntos de vantaxe. O Ibaizabal non se viu abaixo, e asinou un parcial 0-9 que as situou momentáneamente por diante, co 37-38.
As de Cantero non foron menos e responderon dándolle a volta ao resultado, logrando de novo ser favoritas para a vitoria. Así, o últimos dez minutos chegaban cunha vantaxe de oito puntos para as locais.
No último cuarto as vascas seguiron apretando e forzando, da man de Rebeca Cotano (MVP do duelo), ás celestes que se viron obrigadas a endurecer a súa defensa en detrimento das tarefas ofensivas. Esta forte unión na defensa impediu que as visitantes aguantasen o ritmo e foron perdendo enerxía a medida que avanzaban os minutos, á vez que abusaban das faltas persoais.
Finalmente, dous tiros libres de Mariona Martín sentenciaron o encontro, logrando unha vitoria pola mínima cun resultado final de 55-50. As baixas de Ainhora Lacorzana por lesión e Rosemarie Julien por asuntos persoais, non impediron que as súas compañeiras celestes lograsen a vitoria.
O Celta mantense na parte superior, pero sen acadar a segunda posición
Desta vez, a vitoria celeste non se traduciu na volta á segunda posición, como si fixera na primeira volta. Os trunfos de Miralvalle e Ardoi impiden que o Celta retome o posto de prata, aínda que este se atopa só a dous puntos de distancia.
O seguinte reto para as de Vigo será en Santiago de Compostela, contra o Ulla Oil Rosalía, o próximo sábado, 9 de xaneiro, ás 17:00 horas.
FICHA TÉCNICA
55) CELTA ZORKA RECALVI: Mariona Martín (11), Lucía Fontela (2), Celia García (10), Maja Stamenkovic (13), Marita Davydova (12) -cinco inicial-. Tamén xogaron: Noa Comesaña (2), Luna Lázaro (-), Florencia Niski (-), Clara Prieto (-) e Angela Coello (5).
50) GDKO IBAIZABAL: Ane Arrien (-), Ana Iruskieta (7), Juana Mª Molina (15), Rebeca Cotano (18), Helmi Tulonen (-) –cinco inicial-. Tamén xogaron: Ainara Ramasco (3), Laura Marcos (5), Maiane Aizpurúa (-), Elina Koskimies (2) e Nerea Vázquez (-).
PARCIALES: 18-15, 12-12, 16-11 e 9-12.
ÁRBITROS: Jaime Álvarez-Ossorio e Samuel Martínez. Sinalaron un total de 19 faltas a Celta Zorka Recalvi e 25 ao GDKO Ibaizabal.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 14ª xornada do Grupo A da Liga Femenina 2. O cruce disputouse no pavillón de Navia en Vigo a porta pechada.