O Durán Maquinaria Ensino está a facer fronte ao inicio da tempada cun plantel mermado polas baixas. Pero para o partido de EuroCup deste xoves, o equipo de Miguel Ángel Ortega conta cunha nova cara, a de Paola Ferrari. As galegas xogarán ante o Valencia Basket ás 20:15 horas no Pazo.
“Persoalmente estou moi agradecido a Paola polas facilidades. Quero agradecelo porque a nosa situación era moi complicada. Tela a ela foi unha inxección para todo o equipo”, asegurou o técnico en rolda de prensa.
Miguel Ángel Ortega: “Mañá temos a iluión de saír a xogar e gañar o partido noutras condicións, con seis xogadoras”
Cunha xogadora máis, o partido da EuroCup vése doutra maneira. “Mañá temos a iluión de saír a xogar e gañar o partido noutras condicións, con seis xogadoras. Estamos todos moi contentos e eu persoalmente agradecido a que ela o fixera tan áxil, tan rápido e que teña a actitude que está tendo”, engadiu.
A escolta paraguaia non dubidou moito á hora de elixir Lugo como o seu próximo destino: “Foi moi rápida a decisión, o grupo que había paréceme súper potente e creo que podería encaixar e axudar ao equipo”.
Paola Ferrari: “O grupo que había paréceme súper potente e creo que podería encaixar e axudar ao equipo”
O nivel do equipo tamén foi un factor a favor da súa decisión: “A verdade é que nos últimos anos e o ano pasado fixeron un temporadón. A nivel de club, como se traballa moi ben, creo que iso tamén chama a atención de xogadoras”, engadiu.
Veteranía para o Ensino
Preguntado sobre que aportará esta nova baloncestista ao Ensino, Ortega incide en que Ferrari “ten unha experiencia tremenda, moita calidade e tamén o seu estado de forma, a súa condición e ambición”.
Ortega: “Ten unha experiencia tremenda, moita calidade”
Da súa nova pupila destaca como mantén “esa ilusión por adestrarse. Unha xogadora que tendo gañado tantas cousas e tendo xogado en equipos tan grandes, que veña nunha situación como na que estamos nós, transmitindo ilusión e ganas de involucrarse de ver como defender e atacar, que manteña iso é de agradecer”, apuntou.

Pola súa banda, Paola Ferrari considera que aportará veteranía ao equipo. “A experiencia vai axudar ao tipo de xogo que ten el (Ortega) nalgúns momentos. As pivotes tan movibles que teñen creo que poden axudar ao meu xogo un montón”, asegurou. No apartado anotador, a xogadora considera que esta parte “chegará soa. No tiro exterior creo que abriremos bastante o campo con Laura e conmigo, e creo que os puntos irán por aí”.
Paola Ferrari: “No tiro exterior creo que abriremos bastante o campo con Laura e conmigo”
A nivel táctico, a nova incorporación do Ensino aínda debe adaptarse ao estilo de xogo das lucenses, xa que só leva un día adestrando con elas. “Onte coas xogadas e tal, foron moitas cousas , Saín con moita información pero temos partido mañá. Así somos as xogadoras, temos que adaptarnos ás situacións e a ver se o xoves cumpro con todas as regras do equipo”, declarou.
Paola Ferrari: “Chego para axudar, tratar de adaptarme ao equipo pouco a pouco pero o máis rápido posible”
Pero principalmente, Paola chega para axudar: “Sabemos o tema das lesións, así que chego para axudar, tratar de adaptarme ao equipo pouco a pouco pero o máis rápido posible. Que Miguel Ángel Ortega poida atopar en min como axudar, que as compañeiras me entendan e eu a elas e creo que de aí vai ir fluíndo todo”.

Un rival duro para a EuroCup
O xoves, no primeiro partido de Paola ás ordes de Ortega, o rival será do máis alto nivel. O Ensino enfróntase ao Valencia Basket, vencedor da EuroCup na 20-21.
“Rubén construiu un bo equipo, non só de xogadoras, senón que tacticamente é un equipo que defende ben, que corre ben o contraataque, ten xogo interior e exterior. Tocan ben todos os rexistros do xogo, porque é a única maneira de competir e conseguir cousas”, apuntou o preparador das galegas.
Ferrari: “(O Valencia) Vén coa baixa de Cris Ouviña, o motor do equipo, pero é un plantel potente”
A súa xogadora coincide con el, apuntando que “é un equipo que o ano pasado demostrou que pode facer cousas grandes, e este ano tamén. Vén coa baixa de Cris Ouviña, o motor do equipo, pero é un plantel potente. Creo que Cris dalle un plus a ese equipo e nós temos que aproveitar iso”.
Ademais de sacar proveito da baixa dunha xogadora clave, o camiño á vitoria pasa por “defender ben e atacar ben. Temos que ter a determinación e a ilusión de gañar. Prepararnos no adestramento con esa ilusión de intentar atacar da mellor maneira posible, de defender e estar aí. Hai que intentalo sempre”, declarou Ortega.

O plantel está motivado malia as lesións
O Ensino aínda ten que facer fronte a moitas baixas, como a de Alba Prieto. O seu adestrador calificou a súa lesión de “desgraza”. Con todo, non quere apurar tempos e afirmou que “o máis importante é curalo e non precipitarse. Sei que é moi duro saír a xogar con cinco, pero sempre é mellor curar á xente. Non podemos dicir par acando vai estar”.
Ortega: “Sei que é moi duro saír a xogar con cinco, pero sempre é mellor curar á xente”
O complicado estado físico do Ensino semella non afectar ao estado anímico, xa que todo o plantel mantén a motivación por competir. “A min ponme os pelos de punta porque ninguén baixa os brazos e transmiten unha ilusión… Eu ás veces digo madre mía como estamos, pero son elas as que normalmente animan e tiran do carro. Afortunadamente o noso estado de ánimo non o variaron nin as lesións nin o infortunio”.
Ortega: “Eu ás veces digo madre mía como estamos, pero son elas as que normalmente animan e tiran do carro”





















