Esta semana o Durán Maquinaria Ensino ten unha data marcada no calendario. O xoves, 23 de setembro, as galegas de Miguel Ángel Ortega xogarán ante o Campobasso por un posto na fase de grupos.
En declaracións aos medios de comunicacion, o preparador asegurou que “me da moita esperanza a boa actitude que ten todo o mundo, a disposición para traballar e deixarse a pel no campo. A actitude a temos e o que queda é intentar ser mellor e xogar mellor”.
Sobre o rival, o Campobasso italiano, o adestrador apuntou que “é un proxecto novo, que o están construindo con moito interese, facendo unha aposta económica forte. É un proxecto novo, ilusionante, con envergadura”, e por este motivo, vaticina que o duelo será “complicado”.
O plantel de Ortega segue en construción
O primeiro partido será en terras italianas, e o segundo en terreo lucense, algo beneficioso para o equipo do Ensino segundo Ortega: “É unha eliminatoria que se resolverá aquí en Lugo e esta semana virá ben porque María xa empezou, non está ben pero xa empezou, Helena Oma hoxe vai adestrar, así que aínda que non estea para o partido 100% estará aí. Tamara non estará, non viaxará co equipo, pero só será unha baixa, a de Tamara. Pouco a pouco, esta semana de competición virá ben”.
Ortega: “O equipo está moi pouco adestrado en termos tácticos de construción”
En liñas xerais, o preparador conta con sete xogadoras a pleno rendemento, malia as circunstancias de pretempada, que obrigan a comezar o novo curso “cun retraso na preparación. O equipo está moi pouco adestrado en termos tácticos de construción”.
Preguntado polo debut de María no derradeiro partido xogado, Ortega asegurou que a súa actitude “é moi boa”, pero a falta de experiencia pásalle factura: “Vén dunha lesión importante e estivo moito tempo sen adestrar e o outro día xa quería facelo todo. Hai que ter experiencia para ter a tranquilidade de ir meténdose pouco a pouco no equipo, pero son cousas que pasan cando es xove”.