O fútbol galego obtén recoñecemento estatal na I gala de Premios Golsmedia. O Victoria CF, equipo adestrado por Cris Oreiro, foi o máis galardoado no G1 da Primera Nacional, con ata tres premios distintos.
Pola súa parte, Eva Dios, do Dépor ABANCA B, e Angy Nogueira, do Victoria FC, tamén recibiron outros tres premios no acto celebrado na sede da Real Federación Española de Fútbol.
A preparadora das cebras explicou a As Nosas, que estes premios “son grazas ao traballo do ano pasado”. Na pasada campaña, as coruñesas proclamáronse campioas da Primera Nacional. Os seus grandes resultados leváronnas a estar preto de lograr o ascenso a Reto Iberdrola, aínda que finalmente cederon o posto de promoción ante o Real Betis B.
Agora, nesta gala que valorou o traballo dos clubs na tempada 2020-2021, o Victoria CF levouse o premio á mellor adestradora da categoría para Cris Oreiro, a mellor porteiro para Álvaro Taboada e a mellor dianteira para Laura Cetina.
Seguen as alegrías na familia branquinegra, esta vez en forma de premios:
🥇Cris Oreiro como mellor adestradora
🥇Álvaro Taboada como mellor porteiro
🥇Laura Cetina como mellor dianteira
Primeira Edición Nacional dos Premios Golsmedia.
🔝🔝🔝👏👏👏👏
Parabéns!!! pic.twitter.com/XThSHxT61G— Victoria Club Fútbol ⚽🦓 (@VictoriaCF1943) November 22, 2021
Unha gala “emotiva”
Nesta primeira edición dos Premios Golsmedia, ademais de salientar o fútbol profesional, tamén se lle prestou atención ás divisións inferiores e ao fútbol feminino. Por iso, Oreiro califica o evento de “emotivo”, subliñando que desde o club “estamos moi contentos de formar parte desta primeira gala e agradecidas polo interese do fútbol menos profesional a nivel económico”.
Porque aínda que a Primera Nacional non sexa considerada unha categoría profesional, o traballo diario de clubs como o Victoria CF di outra cousa. “Dicimolo sempre, non es profesional polo que cobras, senón polo que traballas. No noso ambiente, con todos os recursos, intentamos ser o máis profesionais posible e por iso ten tanto valor que ao final te premien tamén”, indica a adestradora.
Cris Oreiro: “Dicimolo sempre, non es profesional polo que cobras, senón polo que traballas”
A nivel individual, Oreiro quere resaltar que o galardón a mellor adestradora non é só para ela, senón que “é un premio de seis”. “Quería destacar que non é un premio individual, porque non hai premio a mellor adestrador de porteiros e preparador físico. O meu premio neste caso engloba a todos”, apunta.
Cris Oreiro: “Estou moi contenta por Ceti e Álvaro, porque levan no club desde infantís e é un premio á súa traxectoria no mesmo equipo”
E sobre as súas xogadoras, a preparadora mostrouse orgullosa delas. “Estou moi contenta por Ceti e Álvaro, porque levan no club desde infantís e é un premio á súa traxectoria no mesmo equipo”.
Eva Dios, mellor xogadora da Primera Nacional
O resto de galardóns do grupo 1 tamén tivo acento galego. Eva Dios, que na pasada tempada militaba no filial do Dépor ABANCA, compaxinando partidos co primeiro equipo, foi elixida como mellor xogadora do grupo, ademais de mellor centrocampista. Agora, a internacional sub20, compite co Dépor ABANCA na Reto Iberdrola.
No apartado de mellor defensa, o premio foi para Angy Nogueira, do Victoria FC de Santiago de Compostela.
A forza do fútbol galego
Este pleno do fútbol galego nos premios da categoría é mostra do alto nivel das nosas futbolistas. Cris Oreiro, do Victoria CF, apunta que “o grupo galego está sendo moi forte. O ano pasado tamén o foi. As xogadoras galegas cada vez son mellores, con máis talento, mellores físicamente e se está notando co nivel da liga. Incluso os equipos asturianos ou os de Castela que nos tocan saben que os equipos galegos son fortes”.
Cris Oreiro: “As xogadoras galegas cada vez son mellores, con máis talento, mellores físicamente e se está notando co nivel da liga”
Respecto ao presente curso, que leva xa dez xornadas da competición, a adestradora das cebras explica que a competición “está sendo bastante axustada. Os resultados pola nosa parte están sendo bastante irregulares pero en canto ao xogo estamos ben. Pero ao final o que contan son os resultados e aí debemos mellorar”.
Mirando aos rivais, a preparadora reflexiona que “respecto ao nivel da liga, está moi igualada, cada partido é un mundo, creo que todo o mundo pódelle sacar puntos a todo o mundo. A verdade é que está sendo moi bonita”.
Os Premios Golsmedia
Esta gala foi celebrada no Salón de Actos Luis Aragonés da sede da Ciudad del Fútbol de Las Rozas, premiando a xogadoras e adestradoras das principais divisións de fútbol feminino, así como de distintas categorías do fútbol masculino.
En total houbo 720 nominadas, dos cales as gañadoras foron elixidas polas votacións das adestradoras de cada grupo, dos lectores da web e das votacións da prensa especializada. O evento contou coa presenza do presidente da federación española, Luis Rubiales, e do director deportivo da organización, José Francisco Molina.