Ata oito galegas formarán parte do mundial online de taekwondo especializado en técnica e freestyle. Esta competición celébrase desde o 15 ao 30 de novembro e a Federación Española (FET) convocou a cinco deportistas galegas, que se unen ás tres convocadas pola Federación Galega de Taekwondo, que participarán na proba Open, incluida no Mundial.
Tras realizar unha preselección entre os primeiros do ránking español, a FET convocou para esta edición a Raquel Guillén, na categoría sénior 1, Sonia Pérez, en máster 1 feminino; Esperanza Fernández, do máster 2 feminino e a Celia García, na modalidade de freestyle feminina. Ademais, para a competición Open cadete e júnior, tamén convocou á galega Laura Álvarez (cadete feminino).
Tras coñecer a convocatoria da selección, a Federación Galega de Taekwondo fixo a súa propia lista de deportistas para a proba Open. Desta forma, tamén irán Yaiza Velo e Lola Soto (cadete feminino) e Zaida Velo (júnior feminino).
Desta forma, xunto cos convocados para as categorías masculinas por ambas federacións, un total de quince galegos participarán neste campionato. Os convocados para as competicións masculinas son: Alejandro Losada Rodríguez, na categoría sénior 1; Manuel Paz na modalidade de freestyle masculino; Tomás Fernández (júnior masculino); Francisco Ramos e Marco García (cadete masculino) e Alejandro Fernández (júnior masculino).
Unha competición de taekwondo adaptada á COVID-19
Esta edición do mundial tívose que adaptar á situación provocada pola COVID-19 no mundo, será moi diferente aos habituais: Será online, só para as categorías adultas (de sénior en diante) e de forma individual. A maiores, haberá unha competición Open para as categorías cadete e júnior tanto masculina como feminina.
Así, ao longo desta semana os deportistas de taekwondo deberán realizar a gravación dos seus exercicios e envialos. A arbitraxe terá lugar os días 21 e 22 de novembro. Destes resultados sairán os deportistas clasificados para as semifinais.