As xogadoras do Autos Cancela Zalaeta recupéranse da derrota contra o CV Leganés. Despois de perder en Madrid cun 3-0, as coruñesas voltaron a casa para enfrontarse ao Voley Sanse Live Vuvuzela na sexta xornada de Superliga Femenina 2. Empatadas a puntos na xornada anterior, o encontro prometía ser un duelo igualado. Pero non foi así.
As galegas do Zalaeta venceron cun pleno de sets, aínda que cada un deles estivo disputado. O primeiro tempo foi dominado nos puntos directos polo Vuvuzela, que sumou catro puntos desta forma. Porén, non foi suficiente para que se levasen o primeiro set, xa que as coruñesas do Zalaeta venceron nos puntos anotados por ataque, con 13, e nos sumador por erros do rival, con 9.
O segundo set seguiu un esquema moi similar e, como o primeiro, resultou nun 25-22 a favor das galegas. No último o ritmo do xogo aumentou e tamén o fixo o marcador. As coruñesas adiantáronse cunha lixeira vantaxe de dous puntos, deixando o electrónico nun 28-26, que rematou por facer que os tres puntos quedasen na casa.
De novo, Alba Quirós liderou o seu equipo, sendo a mellor sacadora do Zalaeta logrando dous puntos directos que, xunto cos ataques, convertírona na máxima anotadora do encontro con 17 puntos. Por outra banda, María Forteza, tamén do Zalaeta, foi a mellor receptora do partido, seguida de preto por Noe Sánchez.
FICHA TÉCNICA
AUTOS CANCELA ZALAETA: Patricia Santos, Claudia Gómez, Cristina García, Alba Quirós, Andrea Rivas, Eleonora Guzzi, Laura Vázquez, María Forteza-Rey, Susana Suárez e Noemí Sánchez.
VOLEY SANSE LIVE VUVUZELA: Yokana Ivaylova, Diana Monterroso, Brezo González, Alicia Oliva, Natalia del Monte, Amparo Hopf, Sara Garcinuño, Rocío Pérez, Marta Manzanares, Alba Fernández e Patricia Díaz.
SETS: 25-22 / 25-22 / 28-26 (3-0).
ÁRBITROS: Francisco Barallo e Antonio Folgar.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á sexta xornada da Superliga 2 de voleibol no Pavillón do Barrio das Flores.