O Valdetires Ferrol FSF, club decano do fútbol sala feminino en España, está a loitar por non desaparecer. O equipo conta con problemas administrativos e é posible que non poida completar a tempada que ten prevista na Segunda División nacional. A entidade segue pendente de recibir unha subvención de 20.000 euros do Concello de Ferrol, cantidade que non foi aínda pagada por un erro administrativo.
“Queremos dar a coñecer unha situación límite e lanzar un SOS ao grupo de goberno do Concello de Ferrol. A situación na que estamos é moi precaria, estamos a punto de arrincar a competición e apenas temos xa apoio económico, xa que aínda estamos saldando as débedas do ano pasado. Iso non nos vai permitir nin rematar a primeira fase da próxima competición de liga. Agora mesmo estamos xogándonos o futuro do club a moi curto prazo. Realmente, estase poñendo en xogo o futuro do fútbol sala feminino ferrolán”, explicou Fernando Martínez, membro da directiva do Valdetires, na rolda de prensa deste xoves.
A directiva da entidade clama que “xa estamos cansos de que nas reunións se nos diga unha cousa e logo non se faga nada. Xa é difícil competir nunha situación normal, pero máis nunhas circunstancias como a actual. Loitamos e pelexamos polo que entendemos que é noso”, seguiu Martínez.
Na pasada campaña as ferrolás loitaron por ascender á Primera División, caendo eliminadas na fase de ascenso ante o Marín Futsal.
A crise do Valdetires
A data de hoxe, o Valdetires afronta unha débeda de facturas de transporte da tempada 2019/2020 de 18.975 euros e unha de 3.000 euros da campaña 2020/2021. “Os pagos de viaxes fixéronse a día 31 de decembro do 2019, a forma de pago foi mediante cheque. Todos sabemos que un cheque ten un prazo de quince días para ser cobrado, pero tamén sabemos que no momento no que se emite o cheque da por pagada a débeda. Estabamos en prazo, polo tanto non hai lugar a dicir que non se cumpriron os requisitos básicos para ser unha cantidade subvencionable, aínda que o Concello non o entende así”, apunta o directivo.
Nesta liña, Fernando Martínez explica que o club ferrolán está “nunha situación de indefensión, xa que ao final a recepción da subvención queda pendente dun terceiro e da súa conducta á hora de facer o cobro. Non ten nin pés nin cabeza”.
Do mesmo xeito, o membro da directiva explicou como o Valdetires participou en varias reunións co interventor do Concello, Antonio Golpe, concelleiro de Deportes, quen dixo que “o tema só tiña unha solución política, que está todo encamiñado, que non haberá ningún problema. Que se presentará a pleno e que eles o ían aprobar sen problema. Non se fixo así”, continúa Martínez.
O directivo recorda que o club volveu solicitar reunións con Golpe e vocais dos grupos políticos municipais, pero non chegaron a ter unha nova xuntanza. “O 20 de xullo solicitamos unha nova reunión e esta vez si asistiron os representantes dos grupos políticos municipais, aínda que non Antonio Golpe”, engade. Desta forma, “entendemos que o grupo de goberno non ten moito interese no deporte en xeral, vémolo nas pistas, na forma de organizar eventos, no mantemento das instalacións”.
Na súa intervención, Martínez expresou o descontento do club coa xestión municipal, denunciando os recortes e o escaso apoio recibido. Á fin da rolda de prensa, o directivo solicitou aos representantes dos grupos políticos municipais que presentaran unha moción no pleno para atopar unha solución.
Siempre juntos!! 🔥💚
Hasta el final !!#vamosverdes
💚💚💚 pic.twitter.com/wdNGn7VVlO
— valdetiresfsf (@valdetiresfsf) September 23, 2021