O Pavillón da Sagrada Familia da Coruña acolle desde ás 18:00 horas de hoxe, sábado 28 de outubro, o cruce entre o Viaxes Amarelle FSF eo STV Roldán da sétima xornada da Primera División do FSF da RFEF.
As galegas queren poñer terra de por medio cos postos de abaixo pero terán diante a un equipo da zona alta da táboa.
As de Murcia están a facer un gran inicio de campionato. Chegan á Sagrada logo de vencer no seu último partido ao Rayo Majadahonda. Están situadas na cuarta praza da táboa clasificatoria con catro partidos gañados, un empate e unha derrota.
A velocidade do Roldán preocupa no Amarelle
O STV Roldan ten en xogadoras como Mayte e Laura dous dos seus alicerces. E na súa forma física e velocidade un arma poderosa sobre o 40×20. Son esas dúas cuestións algo que caracteriza ao xogo do rival das galegas nesta xornada.
Pola súa parte, o Viaxes Amarelle FSF recibe ás de Murcia tras caer no derbi co Ourense OnTime. As herculinas perdían en terras ourensás por 4-2.
Piru: “Debemos estar moi fortes no físico para quedar coa vitoria”
O técnico local Piru declaraba na previa do partido desta fin de semana que este partido “é importante porque a nosa intención é facernos fortes na casa, pero o STV Roldán é un serio candidato a estar no play-off final, un equipo moi novo e que mete moita presión ao rival. Deberemos estar moi fortes no físico para quedar coa vitoria”, avisaba o adestrador das galegas.
O Viaxes Amarelle FSF traballou con normalidade durante a semana. Unicamente Lobo tivo algunhas molestias que non lle van impedir xogar hoxe.
Os puntos en xogo son vitais para que o Viaxes Amarelle FSF poida empezar a abrir unha fenda con respecto aos postos de descenso que, neste momento, marca o Nueces de Ronda Atlético Torcal con tres puntos fronte aos sete das galegas.