Dúas derrotas e unha vitoria. Esa é a bagaxe en pretempada das Nosas deportivistas logo de colleitar unha nova derrota. O rival foi, desta volta, o Sporting CP Feminino que venceu ao Dépor ABANCA por 3-1.
As galegas concluían a súa cuarta semana de pretempada medindo forzas ante un dos equipos fortes da máxima categoría do fútbol luso, o Sporting CP . O partido tivo lugar na localidade portuguesa de Guimarães.
Jogo-treino em Guimarães com vitória das Leoas frente ao @RCDeportivo por 3-1 💪
⚽@claudia7neto (2) e @Leonete_Correia pic.twitter.com/FHm4mAr1Yf
— Sporting CP Futebol Feminino (@FutFemSCP) August 18, 2023
O conxunto que adestra Irene Ferreras tiña enfronte ao subcampión da liga de Portugal. Só o SL Benfica supera ás sportinguistas. Varias internacionais do combinado luso militan nas filas do Sporting CP . Neste Mundial de Australia e Nueva Zelanda estiveron futbolistas como Ana Borges, Ana Capeta e Diana Silva.
O Dépor ABANCA aguantou o tipo no primeiro acto que rematou cun empate 1-1 e con boas ocasións deportivistas. Abriu a lata o Sporting CP ao transformar unha pena máxima cometida por Ayaka. Desde os once metros transformou o penalti Claudia Neto para as lusas.
O empate fixo xustiza a unha primeira metade que estaba sendo das galegas. Millene fixo unha parede con Laurina, quedou soa ante a portería e o seu disparo sacouno a defensa lusa baixo a mesma raia de gol. No rexeite, a dianteira branquiazul sofriu unha falta, castigada con pena máxima que ela mesma transformou. Outro penalti devolvía as táboas ao marcador en Guimarães.
Sentencia o Sporting CP na segunda metade
Sentou ben o paso por vestiarios ao Sporting CP que sentenciaba o encontro con goles de Maisa Correia e de Claudia Neto case consecutivos.
A mellor ocasión das coruñesas neste segundo período foi da canteirá Elena Vázquez, que lanzaba unha falta desde 30 metros. Ollo a este diamante da canteira herculina porque, pese á súa xuventude, parece destinado a pulirse e brilla nesta tempada.
Nesta pretempada o Dépor ABANCA suma un triunfo ante o Deportivo Alavés Gloriosas que lle serviu para alzar o trofeo da XI edición do Trofeo Teresa Herrera Feminino. Logo perdeu co SC Braga nun amigable disputado na Cidade Deportiva de Abegondo, e esta cuarta semana de preparación de cara á liga perderon co Sporting CP.
Na mente das galegas está prepararse o mellor posibile para ofrecer a súa mellor versión desde o arranque da competición de liga en Primera Federación Iberdrola.
#ASNOSAS | Derrota con lectura positiva do #DéporABANCA en Guimarães https://t.co/zIa50MuVA0 Foto: @FutFemSCP pic.twitter.com/Z9yTDAiluO
— RC Deportivo (@RCDeportivo) August 18, 2023
FICHA TÉCNICA
1) RC DEPORTIVO ABANCA: Yohana, Samara, Inés Altamira, Elena Vázquez, Sara Debén, Henar, Ayaka, Paula Gutiérrez, Laurina, Charle e Millene. Tamén xogaron: Lucía, Clara Rodríguez, Eva Dios, Carlota, Lía, Raquel, Cris, Carmen Carballada e Paula Monteagudo.
GOLES: 1-0, min. 30: Claudia Neto, de penalti; 1-1, min. 44: Millene, de penalti; 2-1, min. 48: Maisa Correia; 3-1, min. 55: Claudia Neto.
INCIDENCIAS: Partido amigable de pretempada disputado en Guimarães.