Sete puntos e oito posicións é o que separa ao Ulla Oil Rosalía do Osés Construcción Ardoi, rivais para a duodécima xornada de Liga Feminina 2. Ambos equipos mediránse na pista do Instituto Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela, o sábado, 12 de decembro, ás 17:00 horas.
“Será un partido complicado, ante un dos mellores da competición, como o demostran os seus resultados”, sentencia o técnico galego, Chiqui Barros.
O Rosalía comezaba a despegar na categoría, deixando mellores sensacións sobre o parqué e incluso acadando dous triunfos, contra a AD Cortegada e o HGB Ausarta Barakaldo EST.
Chiqui Barros: “Levamos unha racha onde somos capaces de competir e aferrar os partidos, que é unha virtude moi grande”
“Levamos unha racha onde somos capaces de competir e aferrar os partidos, que é unha virtude moi grande, e ás veces de gañar e outras estando moi preto de facelo”, recorda o adestrador.
“Vimos de competir a un nivel moi alto, pese a non xogar ben no sentido de porcentaxes e acertos”, sinala. Isto ten “un mérito enorme”, en palabras de Barros, xa que “somos o equipo máis humilde da Liga, con moita diferenza”.
Pero esa inercia de bos resultados viuse obrigada a frear, ao non poder desputar o encontro contra o Magec Tías por un falso positivo no plantel canario.
A xornada de descanso forzado non foi o mellor para as pupilas de Chiqui Barros. Malia asinar unha boa actuación e loitar durante os 40 minutos de partido, o vitoria escapóuselles de entre os dedos ante o Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés.
O rival do Rosalía, un equipo moi completo
Pola súa banda, os rivais galegos dánselle ben ás xogadoras do Ardoi. Os seus últimos dous duelos, contra o Maristas Coruña e o Celta Zorka Recalvi, remataron en vitoria. Incluso estiveron moi preto dela contra o BAXI Ferrol, o líder por excelencia da tempada, sendo o único que equipo que logrou acadar unha diferenza de só 10 puntos na súa derrota ante as ferrolás.
Barros xa califica ás xogadoras do BAXI como doutra liga e considera que, tras elas, o Ardoi é un dos mellores da LF2. “É un equipo moi ben estruturado, ben equilibrado, con bo xogo interior e moito físico na liña exterior. Ten xogadoras capaces de xogar de españdas, cun tiro exterior que lles equilibra moito”, apunta.
Unha das claves será “saber xogar” contra un rival cun “nivel defensivo moi alto e que non deixa segundos para atacar”. Unhas declaracións coas que coincide a número 5 do Rosalía. Nuria Chorén explica que o plantel é moi consciente “de que nos enfrontamos a un gran equipo, das que teñen que estar arriba”.
Nuria Chorén: “Teñen moito nivel e moi boas xogadoras, pero nós non temos por qué ser menos e imos dalo todo”
Segundo a xogadora, o Ardoi é moi agresivo, polo que será “un partido con moito contacto, con moito nivel defensivo”. Isto non mina a moral das locais, que teñen que “aproveitar a nosa boa racha e as boas xornadas de crecemento para seguir traballando, esforzándonos e non dando nada por perdido. Teñen moito nivel e moi boas xogadoras, pero nós non temos por qué ser menos e imos dalo todo”, declara contundentemente.
Sen dúbida, o conxunto navarro será un óso duro de roer para as compostelás, ás que a súa inexperiencia na competición pódelles xogar unha mala pasada contra un dos equipos establecidos da LF2.
O cadro compostelán irá a por todas no encontro, aínda que “todo o mundo pon na quiniela o 2, o cal é razoable”, declara Barros. “Nós imos intentar o de sempre: xogar un bo baloncesto, competir ao máximo nivel e ir a polo partido, porque non podemos desperdiciar ningunha oportunidade de xogar e competir ao máximo nivel”, engade.
Despois deste encontro, ao Rosalía espéralle unha semana intensa. O xoves, 17 de decembro, reciben ao Maristas para disputar o encontro adiado da primeira xornada. Dous días despois, o sábado 19, visitará ao BAXI na súa casa.
SÁBADO 12/12 – 17:00 H.
PABELLÓN INSTITUTO ROSALÍAULLAOIL @RosaliaFEDESA Vs
OSÉS CONSTRUCCIÓN @FNBardoiPodrá seguirse en directo aqui:https://t.co/oaS9SYnu7Z…@deporte_galego @dxtSan @SomosABANCA @BaloncestoESP
#VamosRosa #LF2 pic.twitter.com/muK8aAGylY— Rosalia FEDESA (@RosaliaFEDESA) December 11, 2020