Nesta fin de semana intensa, o Ulla Oil Rosalía ten unha cita pendente contra o Magec Tías, despois de xogar contra o CB Arxil. As compostelás recuperan coas canarias o encontro aprazado da décima xornada este domingo, 24 de xaneiro, ás 12:30 horas.
Un partido importantísimo para o presente e futuro das xogadoras de Chiqui Barros na Liga Feminina 2. As galegas ocupan a penúltima praza da táboa, xusto por enriba do Magec Tías.
Gañar este partido ante un rival directo tan próximo na clasificación pode supoñer un impulso na traxectoria do Rosalía, que últimamente está a ter problemas para reencontrarse coa vitoria.
As claves do Rosalía
Para levarse estes dous puntos da vitoria, unha das claves ás que deben atender as xogadoras brancas é a evolución do Magec Tías. O caso de COVID-19 detectado no plantel canario fixo que non puideran competir ante o Rosalía nin o Arxil.
Un positivo no Magec Tías obriga a suspender os encontros contra o Rosalía e o Arxil
Este obrigado parón pasoulle factura ás baloncestistas, que cando volveron á cancha o fixeron de derrota en derrota. O Magec xa chegaba tocado á data orixinal, con catro partidos perdidos de maneira consecutiva. Pero desde o adiamento destes dous encontros, as canarias tardaron en volver levantar a cabeza.
Oito xornadas estiveron sen coñecer a vitoria, ata que, na última fin de semana, deron a sorpresa e venceron ao HGB Ausarta Barakaldo. Por iso, o Rosalía non debe confiarse na súa pista e debe dalo todo para impoñerse ao rival. Á fin da décimo quinta xornada, as brancas eran o equipo en peor racha, con seis derrotas seguidas.
No plantel ás ordes de Barros seguirá de baixa Alba Rama, pero si estarán outras baloncestistas importantes para o equipo. Sara Corredoira é unha delas, xa que esta branca é a mellor anotadora do Rosalía. Outra peza importante será Leticia Soares, a mellor valorada, seguida de preto por Corredoira.
Como ven sendo habitual, o partido retransmitirase vía streaming a través do Canal FEB.