- O Mundial de futsalfem será por fin unha realidade no ano 2025.
- O torneo, cuxa sede está por definir, contará con polo menos catro seleccións europeas segundo anunciou a FIFA.
- A loita das futbolistas a través da AJFSF logra que se celebre unha desexada e reinvidicada Copa do Mundo feminina de fútbol sala
A FIFA, na reunión do seu Consello do 4 de outubro, anunciou que a primeira edición do Mundial feminino de fútbol sala terá lugar en 2025, segundo informa a RFEF.
A competición será un torneo que contará con 16 seleccións estatais repartidas da seguinte maneira: catro europeas, tres asiáticas, tres de Conmebol, dúas africanas, dúas de Concacaf, unha de Oceanía e unha anfitrioa.
O organismo internacional anunciará en próximas datas máis detalles do torneo. As futbolistas levaban anos reclamando a celebración dunha competición que xa existía hai anos en categoría masculina, pero que non daba chegado na feminina.
CONFIRMADO el primer mundial de fútbol sala femenino.
Será en el año 2025.
Una lucha que iniciamos por las jugadoras y para las jugadoras.
Gracias ✊🏻♥️ pic.twitter.com/kSilHY3VHm
— AJFSF – Asociación de Jugadoras de Fútbol Sala (@AJFSFemenino) October 4, 2023
A finais do ano pasado futbolistas de diferentes nacionalidades que militaban no futsalfem español protagonizaron unha reclamación a través a Asociación de Jugadoras de Fútbol Sala (AJFSF) reclamando á FIFA “un compromiso real dunha vez por todas” coa celebración desde primeiro Mundial de Fútbol Sala feminino que agora, finalmente, será unha realidade.
Consideraban que sufrían un trato “discriminatorio”. O futbol sala masculino preparaba daquela o seu décimo Mundial mentres elas seguían agardando polo primeiro sen resposta. A FIFA anuncia agora que o debut da Copa do Mundo de futsalfem será en 2025.
O fútbol sala feminino reclama o seu Mundial mentres o masculino prepara a 10ª edición
España, potencia europea no futsalfem
A Selección Española conta con posibilidades de erguer a Copa do Mundo xa que ven dominando as competicións no ámbito europeo nos últimos tempos.
Tal e como explican desde a RFEF “ata o de agora, as únicas competicións oficiais da Selección Española absoluta de fútbol sala foron os tres Europeos que conquistou en 2019, 2022 e 2023. En 2025, ademais do Mundial, España tamén afrontará a cuarta edición do Europeo”. Clàudia Pons é a seleccionadora de España e conta habitualmente con futbolistas galegas nas súas convocatorias.