O pasado sábado o Palau D’Esports acolleu o último enfrontamento ligueiro da primeira fase da Liga Guerreras Iberdrola, entre o KH-7 BM Granollers e o Conservas Orbe Rubensa BM Porriño
Este presentábase como un encontro no que as galegas non se xogaban nada, ao competir ante o líder do Grupo B. Por este motivo, as vistas estaban xa postas na segunda parte da competición.
O Granollers dominou desde o inicio
O conxunto local, sabéndose líder, tomou o mando desde os primeiros minutos. De feito, o encontro comezou cun gol de Elaine Gomes, pivote das catalás, nunha xogada dous contra dous.
Porén, o Porriño tiña claro que non se ía deixar pasar por riba. Con Sandra Fernández desde o extremo esquerdo, quen foi a máxima goleadora do conxunto visitante, as visitantes respostaban anotando.
As ofensivas galegas non eran suficiente para contrarrestar ás catalás, que se desmarcaban xa no marcador grazas aos seus ataques rápidos e efectivos. Aínda así, o Porriño defendía cada vez mellor, sendo xa capaces de interceptar diversos balóns, pero con dificultades para convertilos en gol.
A falta de cinco minutos para o ecuador do partido, o Granollers case dobraba en puntos ás visitantes, cun 13-7. Neses minutos finais o equipo de Isma Martínez foi capaz de asinar un parcial 1-3 para recortar distancias antes do descanso.
O Porriño deu a cara na segunda metade
Tras o paso por vestiarios, o BM Porriño saltou concentrado á pista, xogando totalmente enchufado. Só tres minutos foron necesarios para que as galegas se puxeran a un gol de distancia das catalás, grazas á súa defensa e ataque máis efectivas.
As de Martínez presionaron e mantiveron esta mínima distancia ata o minuto vinte. Entón, o Granollers subiu o nivel sendo máis fortes en defensa e aumentando o ritmo de xogo.
O Conservas Orbe Rubensa BM Porriño intentaba manterse á boia, pero as locais sentenciaron o encontro nos minutos finais cun parcial 6-2. Co 60 chegou a bucina, cun 27-22 a favor das catalás.
FICHA TÉCNICA
27) KH-7 BM GRANOLLERS: Imane Ben, Anna Colomer, Laia Moragues (1), Elene Vázquez (2), Mireia Torras (1), Giulia Guarieiro (5), Ona Vegué (2) – sete inicial -. Tamén xogaron: Carmen Prelchi (2), Elaine Gomes (4), Ana González (4), Janna Sobrepera (3), Martina Capdevila (3), Marta Mera e Nicole Wiggins.
25) CONSERVAS ORBE RUBENSA PORRIÑO: Érica Tavares (1), Inés Hernández, Aitana Santomé (1), Arima López (4), Alba Dapena (3), Anthia Espiñeira (2), Sarai Samartín – sete inicial -. Tamén xogaron: Mónica Oliveira (5), Sandra Fernández (6), Carme Castro, Fátima Ayelén e Estela Carrera.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-2, 7-4, 9-5, 12-6, 13-7, 14-10, – descanso -, 16-15,18-17, 20-18, 21-20, 24-20, 27-22.
ÁRBITROS: Carlos Luque e Alfredo Arcos. Excluíron a Érica Tavares e Inés Hernández por parte do Porriño.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 14ª xornada do Grupo B da Liga Guerreras Iberdrola disputado no pavillón Municipal do Porriño.