Sen nada en xogo ao ter certificada a súa permanencia, o Conservas Orbe Rubensa Porriño desprazouse á illa de Lanzarote para competir contra o CICAR Lanzarote Ciudad de Arrecife. O partido, correspondente á sexta xornada desta segunda fase, rematou en táboas cun 22-22, despois de 60 minutos de igualdade máxima.
Con este resultado, o conxunto canario mantense con vida na loita pola salvación, mentres que as galegas xa respiraban tranquilas coa garantía de permanecer unha tempada máis na Liga Guerreras.
A primeira parte do encontro estivo marcada pola igualdade máxima entre ambos os dous equipos. Ningún dos adversarios lograba desmarcarse, e o poder alternaba de mans de maneira constante ata que as locais vencían ao descanso por tres goles. Durante a segunda metade do choque o Conservas Orbe Rubensa Porriño aumentou o ritmo poñendo ás canarias contra as cordas e afianzando o punto do empate.
Marcador igualado durante todo o partido
Desde os primeiros compases do partido quedou claro que sería un encontro rifado. O ataque do equipo visitante mostrábase dinámico sobre a pista, movendo habilmente o balón, pero sen éxito ante unha defensa canaria potente.
Co paso dos minutos, o luminoso mantiña as táboas. O CICAR Lanzarote empregábase a fondo en ataque, salvando as ofensivas galegas desde a defensa, con Ana Marín destacando baixo paos.
Superado o ecuador da primeira parte, o conxunto do Porriño viuse por debaixo das locais no marcador, con ataques propios fallidos pola selección de lanzamentos e o acerto no bando canario.
No último tramo antes da pausa, o conxunto local levaba as rendas do partido. A intensidade en defensa e a efectividade nas ofensivas permitiu que o CICAR Lanzarote vencera de tres goles ao descanso (14-11).

Na segunda metade o Porriño saiu renovado á cancha, disposto a loitar polo partido. A medida que o tempo avanzaba as galegas aumentaban o ritmo poñendo contra as cordas ás canarias, máis frouxas que na primeira parte.
No miunto 19, o adestrador Isma Martínez solicitou un tempo morto para reorganizar ao seu equipo e apostar por puntuar. As súas indicacións permitiron un gol de Erica Tavares, co que as visitantes volvían a empatar o partido nun 18-18.
Desde ese momento, o duelo converteuse nin tira e afrouxa con opcións para ambos conxuntos, con Begoña Otero destacando na portería porriñesa.
O empate mantíñase no minuto 25, e a falta de dous para o final as de Martínez lograron adiantarse no marcador. Xusto cando se avistaba a vitoria galega, o técnico rival David Betancort pediu tempo morto.
De novo con táboas no electrónico, o CICAR Lanzarote tivo a súa oportunidade na última xogada para levarse o trunfo, pero a defensa galega impediu a vitoria local. Co pitido final concedeuse unha falta directa ás locais. Nagore Sáenz fallou o lanzamento deixando o marcador nun empate 22-22.
FICHA TÉCNICA
CICAR LANZAROTE CIUDAD DE ARRECIFE (22): Esther De Miguel (1), Melania Cabrera, Nabila Harchaouin, Nagore Sáenz (2), Sara De León, Alicia Torres (2), Gema Trujillo (5), Aleksandra Orowicz, Celia López (2), Gabriela Romero, Gabriela Pessoa (7), Priscila Dos Santos (3), Ana Marín e Miriam Páez.
CONSERVAS ORBE RUBENSA BM PORRIÑO (22): Alicia Campo (1), Andrea Amarilla, Erica Tavares (3), Inés Hernández (4), Soraia Lopes, Aitana Santomé (1), Arima López, Alba Dapena (1), Claudia Kaulback, Anthia Espiñeira (4), Sarai Samartin, Mónica Soares (4), Sandra Fernández (4), Carme Castro, Estela Carrera e Begoña Otero.
MARCADOR CADA 5 MINUTOS: 2-3, 5-5, 8-7, 9-8, 11-9, 14-11, – descanso -, 15-13, 17-16, 18-17, 19-18, 19-19, 22-22.
ARBITRAXE: Sergio Estelles e Antonio Montero. Por parte do Conservas Orbe Rubensa Bm Porriño excluíron a Erica Tavares e Arima López. No CICAR Lanzarote Ciudad de Arrecife excluíron a Alicia Torres e Celia López.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á sexta xornada da competición na Liga Guerreras Iberdrola dentro da fase pola permanencia.