O BAXI Ferrol non poderá estrear este martes, 4 de xaneiro, a competición do 2022. O seu partido de LF Endesa ante o Embutidos Pajariel Bembibre, correspondente á 15ª xornada, ten que ser adiado.
O conxunto galego conta con varios casos positivos en COVID no seu plantel, polo que a Federación Española de Baloncesto apraza o encontro que tería lugar en terras leonesas.
O propio club ferrolán informa de que unha vez se detectaron os casos de coronavirus, procedeuse a activar o protocolo correspondente e a realizar as probas ao resto do primeiro equipo.
Polo de agora, o partido entre o Bembibre e o BAXI Ferrol non ten nova data. Porén, a súa celebración non deberá exceder a data límite establecida pola FEB para a disputa de todos os encontros da primeira volta, o 26 de febreiro.
Actualmente, o BAXI é o penúltimo clasificado, cun total de 17 puntos en 13 partidos disputados. As ferrolás teñen tamén pendente disputar o encontro contra o Kutxabank Araski.