Sen complexos e con actitude positiva. Así afrontan as xogadoras do HC Borbolla a súa visita ao Magic Studio CP Manlleu. O partido terá lugar en terras catalás mañá, sábado 10 de outubro, ás 17:00 horas.
Nin ser as líderes, nin ser as actuais campioas da OK Liga fai das xogadoras do Magic Studio CP Malleu invencibles. Algún día teñen que caer. E ese pode ser mañá. Así que… Quen dixo medo?
As coruñesas do HC Borbolla viaxan con todo. Sen baixas e coas dúas últimas incorporacións: as Chilenas Fernanda Muñoz y Fernanda Tapia. O técnico das galegas o confirmaba para As Nosas: “Temos o equipo ao completo, e xa poden xogar as chilenas”.
A tarxeta de presentación de ambos os dous bloques non pode ser máis diferente. As catalás non coñecen a derrota, son líderes. Gañaron ao Girona na primeira xornada e na segunda impuxéronse por un tanteo de 0-3 a domicilio ao conxunto de Las Rozas. A suma é rotunda: sete goles a favor e a portaría imbatida.
Un HC Borbolla que non coñece a vitoria
No outro lado da moeda está as galegas, recén ascendidas e sen coñecer a vitoria. As de vermello e negro perderon por un marcador de 1-2 contra do CP Alcorcón no seu partido de retorno á máxima categoría do hoquei a patíns español. A pasada semana, na segunda xornada, xogaron tamén como locais e caeron por 3-5 co Cuencas Mineras.
Están polo tanto diante do rival máis duro de roer e claramente era mellor chegar con algunha victoria no peto, pero por outro lado, teñen todo que gañar e nada que perder e o empuxón anímico que podería aportar ao grupo un triunfo nunha cancha coma isa, sería enorme. O técnico o sabe e admite que no será fácil “viaxamos dez xogadoras, delegada e adestrador. Vai ser moi difícil, pero ímolo tentar”.
O momento para pórlle fin racha de resultados pode ser esta fin de semana. As catalás son favoritas pero as galegas non se fan de menos e viaxan sen complexos. O dito: Quen dixo medo?