O CP Las Rozas recibe hoxe, sábado 14, ao HC Borbolla a partir das 19:30 horas. O partido celebrarase no Centro de Patinaxe Las Rozas na localidade co mesmo nome. As coruñesas precisan puntuar con urxencia, pero é moi probable que este desprazamento tampouco sexa propicio para conseguir esa meta.
Hai xustamente 21 días que o HC Borbolla xogaba o seu último partido na máxima categoría do hoquei feminino estatal. Foi contra o Telecable, en Gijón. Hoxe, sábado 14 retoma a competición nunha temporada atípica na que situacións coma esta, semanas sen xogar, repetiranse.
“Por sorte, non temos baixas, así que salvo as típicas molestas de todo deportista, as xogadoras están todas ben”, comentaba ao respecto de como chegan as coruñesas a este partido o seu técnico, Santiago Martínez Cancelo.
Durante estas semanas as galegas prepararon o partido “tentando axustar tanto o xogo defensivo coma o ofensivo e fixándonos nos posibles puntos febles do rival”, explica o técnico galego.
Santi Martínez: “Non vén ben tanto tempo sen partidos, pérdese a dinámica”
No HC Borbolla non teñen claro se este parón será positivo ou negativo para este equipo con fame de puntos e necesitado de boas novas en forma de resultados. O partido adiado contra o Girona, por positivo no club catalán, fai que non compitan desde hai varias semanas. O adestrador, Santi Martínez, opina que “non nos vén ben tanto tempo sen partidos. Perdes un pouco a dinámica de xogar cada sete días. Son 21 días sen competir…”, recalca.
Santi Martínez, adestrador do HC Borbolla: “O CP Las Rozas é un rival rápido, con defensa pechada e ao que lle gusta saír rápido tras roubar a bola”
O técnico Santi Martínez define ao CP Las Rozas como un “rival rápido, con defensa pechada e ao que lle gusta saír rápido tras roubar a bola”. Polo que as patinadoras coruñesas deberán estar vivas e atentas ás contras das madrileñas.
Nas filas do conxunto de Las Rozas, o adestrador herculino salienta a unha xogadora italiana, Giulia Galeassi, “é unha internacional, goleadora e veterana, que ten gran acerto nos penaltis e as faltas directas”. Un bo recurso polo tanto en xogadas de estratexia ou se o CH Borbolla se mete en faltas rápido. A patinadora transalpina acumula catro goles en cinco partidos. Segundo as súas estatísticas, anotou o 100% das penas máximas lanzadas e 1/3 das faltas directas.
Santi Martínez, adestrador do HC Borbolla: “Giulia Galeassi é unha internacional, goleadora e veterana, que ten gran acerto nos penaltis e as faltas directas”.
As coruñesas terán en fronte un rival que, tendo puntuado e gañado, aínda non ten gañado na súa casa, polo que quererán facer do HC Borbolla un rival propicio para a súa estrea de triunfos como conxunto local. O CP Las Rozas, impúxose ao ENE Oposiciones Cuencas Mineras a domicilio (2-4) na primeira xornada, pero no volveu gañar ata o seu último partido xogado contra o CP Alcorcón ao que tamén gañou a domicilio (1-2). E dicir, que as madrileñas aínda non teñen puntuado na súa casa onde perdero con Magic Studio CP Manlleu (0-3) e Telecable HC (1-5). Tamén perderon na súa visita ao Cerdanyola CH (5-1).
O CP Las Rozas ten pendente o partido contra o Girona, polo mesmo motivo que as herculinas, o positivo detectado no equipo catalán.
Polo que respecta á traxectoria das coruñesas non coñecen a vitoria nin en casa, nin lonxe de Monte Alto. Caeron co CP Alcorcón (1-2), Ene Oposiciones Cuencas Mineras (3-5), Magic Studio CP Manlleu (4-0), Cerdanyola CH (2-7) e, por último, co Telecable HC (8-2).
Unha táboa con tres bloques
A clasificación está dividida en tres bloques por puntuación. Os tres primeiros clasificados sepárasen notablemente do resto de equipos neste Grupo A na primeira fase da Ok Liga Feminina. Manlleu, Telecable e Cerdanyola están noutra Liga. O Cuencas Mineras, CP Alcorcón e CP Las Rozas teñen puntuado, pero están moi separados da cabeza. O terceiro bloque o conforman Girona e Borbolla.