O Atlético Guardés e o Aula Alimentos de Valladolid reencóntranse o sábado 21 de novembro na cancha da Sangriña a partir das 19:00 horas e o farán sen público no partido aprazado correspondente á quinta xornada da liga Guerreras Iberdrola.
Ambos os conxuntos, con tamén outra xornada máis por disputar pendente da primeira volta do Grupo A, protagonizarán sen dúbida a loita pola terceira praza, tendo en conta que o primeiro e segundo posto parecen pertencer a día de hoxe e segundo a clasificación ao Super Amase Bera Bera e o Rincón de la Fertilidad Málaga. O partido estará dedicado a campaña de concienciación da Xunta de Galicia contra a Violencia de Xénero.
Partido contra a violencia de xénero
Esta tempada cada partido parece estar máis marcado polo que sucede fóra da pista que dentro dela. Esta semana o presidente do Guardés, Jesús López, xuntouse con José Ignacio Prades (adestrador) e as tres capitás do equipo (África Sempere, Marisol Carratú e Lorena Pérez) para presentar o partido: dedicado á Campaña NON da Xunta de Galicia contra a Violencia de Xénero. Durante a charla, López remarcou que é “unha responsabilidade” concienciar nesta área a todos os integrantes do club e lembrou que “no mes de setembro o equipo de División de Honra participou nunha charla organizada polo CIM da Guarda sobre esta temática”.
O presidente do club tamén espera que “ao longo da tempada podamos facer algunha actividade máis destinada ás nosas deportistas das categorías inferiores”.
Doutra banda, en representación da Xunta Directiva, Jesús López tamén se pronunciou sobre a decisión de disputar o partido de mañá a porta pechada. “En todo momento estamos en contacto co Concello da Guarda e as conversacións intensificáronse desde o luns para valorar a decisión máis acertada”, explica o presidente da entidade. “Finalmente, a postura acordada pola Xunta Directiva foi a de non contar con público, sempre apelando á responsabilidade individual e colectiva e sendo sensibles ao número de casos de coronavirus na Guarda, que nos ten a todos moi preocupados”, sinala.
Sen o empuxe do Inferno contra o Aula Alimentos de Valladolid
Desta maneira, Prades e as súas xogadoras non poderán contar mañá contra o Aula Alimentos de Valladolid co empuxe do Inferno da Sangriña. A preparación previa do partido tamén estivo marcada pola realización de probas de detección de COVID-19 por todo o plantel que resultaron negativas, idéntico resultado ao obtido polos integrantes da expedición do Aula Alimentos de Valladolid.
O conxunto galego, que non poderá contar nin con Rosario Urban, nin Martina Mazza, Laura Morais ou Sarah Valero, buscará resarcirse da eliminatoria nos cuartos de final da Copa da Raíña a principios de setembro en Alhaurín de la Torre. Pola súa banda, Miguel Ángel Peñas terá a baixa de Danila So Delgado e meterá en convocatoria ás canteirás Mireia Díez, Fátima Ezzahraa, María Fontes e Claudia Álvarez.
Actualmente, o Atlético Guardés, con catro vitorias e unha derrota, é terceiro con oito puntos; unha praza máis abaixo da táboa clasificatoria atópase o Aula Alimentos de Valladolid, con seis puntos cultivados en tres vitorias e dúas derrotas.