O Mecalia Atlético Guardés e o BM Porriño afrontaron unha fin de semana para o esquecemento por dous motivos ben distintos. As guardesas, no regreso do seu adestrador, non puideron dobregar a un combativo KH7 Granollers malia a súa cómoda vantaxe e o Porriño suma un novo adiamento logo dos casos positivos por coronavirus detectados esta semana no seu plantel.
A indolencia do Guardés castígao sen puntos
A volta de José Ignacio Prades ao banco non resultou tan doce como cabería agardar. Logo dun inicio fantástico, no que chegou a gozar de sete tantos de renda (5-12), o equipo miñoto descompúxose ante o 5:1 da defensa local e a produción da gardameta internacional Nicole Wiggins.
A mellora local mudou a tendencia ata levar a contenda ao tempo de descanso cun empate a 14 tantos no electrónico e á volta dos vestiarios, o conxunto catalán seguiu empuxando, provocando que o Guardés rematara cedendo.
O partido estivo marcado sen lugar a dúbidas polo poderío de ámbalas dúas liñas defensivas, e sobre todo, de ambas porterías, pois tanto Marisol Carratú como Nicole Wiggins resultaron claves para os seus equipos nuns compases iniciais nos que o marcador se tomaba o seu tempo para medrar.
Paseniñamente, o Guardés soubo ir a sacando rédito ao desempeño defensivo e ás paradas da súa capitá. Así, atopou o seu escenario favorito. Á carreira, as pupilas de Prades estableceron un demoledor parcial de 1-7 que parecía encarrilar o choque aos vinte minutos de contenda.
O Granollers cambiou a defensa a un 5:1 moi profundo, que anulou por completo os ataques posicionais visitantes. E cando as de negro e amarelo conseguían disparar, alí estaba Nicole Wiggings para negarlles o tanto. A porteira de Seseña exhibiuse na primeira metade, con numerosas intervencións de moito mérito. Dese xeito, o equipo vallesano devolveu o parcial en forma de 9-2, e para máis inri, os últimos compases, o Mecalia tivo que xogar con dous menos polas exclusións de María Sancha e Carolina Silva.

O equipo de Prades tratou de reaccionar á volta do descanso, pero a inercia do choque puxo ao Guardés nunha situación incómoda. Aos ataques posicionais custáballes superar o armazón defensivo e tampouco podía correr en demasiadas ocasións porque tanto Giulia Guarieiro como Martina Capdevila finalizaban moitas xogadas, sempre apoiadas por Ona Vegué, case infalible desde o extremo e os sete metros.
A pesar de todo, o equipo visitante foi aguantando o tirón e mesmo tivo varias bólas para poñerse por diante no tramo final. Pero unhas veces a madeira e outras Wiggins impedíronllo. Desta forma, o choque entrou aos últimos compases sen opcións para un conxunto miñoto que rematou por ceder ante o empuxe local.
Final. O equipo deixouno todo pero non pudo ser. Parabéns ó @BMGranollers pola vitoria.
🏆 @IberdrolaDHF
📆 Xornada 17
🤾♀️ @BMGranollers 🆚 @Atlguardes_ofic
🏟️ Palau D’Esports
✈️ Granollers
⏱️ 60′
🔢 29-26
📷 Xavi Solanas
#onosoInfernoéonosoceo 🖤💛 pic.twitter.com/bKSRoOTsaU— Mecalia Atlético Guardés (@Atlguardes_ofic) March 12, 2022
O covid volve deixar o Municipal sen balonmán
O encontro que debían disputar na tarde do sábado o Conservas Orbe Rubensa BM Porriño e o CB Lanzarote Zonzamas, correspondente á 17º xornada da liga Guerreiras Iberdrola, quedou finalmente aprazado polo casos positivos en coronavirus no persoal do conxunto galego.
O Comité Nacional de Competición da Real Federación Española de Balonmán confirmou na mañá deste venres o aprazamento do encontro, atendendo a petición formulada polo club porriñés tras comunicar a incidencia médica sufrida en varias persoas da institución.
Agora, ambos conxuntos deberán fixar unha nova data para a desputa do encontro, ao igual que sucede co derbi ante o Guardés, adiado polo mesmo motivo fai unhas semanas.