Moi pouco faltou para que Mecalia Atlético Guardés e Conservas Orbe Rubensa BM Porriño volveran asinar unha xornada dourada para o noso balonmán.
As xogadoras dirixidas por Prades estiveron a piques de levar os dous puntos da sempre complicada visita das de Xixón, malia que finalmente regresaron á Guarda cun punto que sabe a pouco logo do feito sobre unha Sangriña que segue invicta neste 2022.
Pola súa parte, as do Porriño seguen a darlle renda solta á súa gran dinámica encadeando unha nova vitoria ante o Sant Quirze catalán.
O Guardés esquécese dos complexos
O Mecalia Atlético cedeu o seu primeiro punto do ano como local. E fíxoo, novamente, cun final amargo fronte ao Unicaja Banco Xixón. Se na primeira volta caeu cun tanto sobre a bucina, nesta ocasión concedeu un empate nun infausto minuto final.
O conxunto miñoto vencía por 28-26 xusto antes dos 60 segundos definitivos. Un gol de Cecilia Cacheda recortou. Despois viñeron uns instantes de nerviosismo, nos que as locais tiveron ata tres perdas que acabaron por custarlles o triunfo cun gol de María Palomo para igualar. E aínda puido ser peor porque nos sete segundos restantes, o Guardés extraviou outra bóla máis que non rematou nas redes de milagre.
A escuadra de José Ignacio Prades perdeu 14 balóns en total, que o lastraron demasiado. Ademais de que Miriam Sempere asinou un encontro estratosférico. A porteira de Santa Pola foi decisiva e freou en seco o ataque asturiano nunha estratosférica segunda parte.
Foi o punto de apoio preciso para o crecemento local logo dun final de primeiro tempo no que acelerara a fondo. Un parcial de 4-0 neutralizou o 12-15 que obtivera o conxunto xixonés para irse ao vestiario cunha vantaxe de 16-15.
Na segunda metade, o Guardés mantivo o tipo a pesar das súas perdas e a varios erros en contraataques
claros. E xusto cando unha arrancada permitiu ás de Prades lograr unha vantaxe de dous goles e mesmo pensaban en mantela para gañar tamén o golaveraje, chegou ese amargo minuto final, no que, máis que sumar un punto, o Mecalia perdeuno.
Final! Unha mágoa non sumar os dous puntos, pero enorme traballo de todo o equipo.
🏆 @IberdrolaDHF
📆 Xornada 20
🤾♀️ @Atlguardes_ofic 🆚 @CBLaCalzada
🔥 A Sangriña
⏱️ 60′
🔢 28-28
#onosoInfernoéonosoceo 🖤💛 pic.twitter.com/sz7pZJMiiV— Mecalia Atlético Guardés (@Atlguardes_ofic) April 2, 2022
Un Porriño estelar avanza imparable
O Pavillón Municipal de Sant Quirze confirmou que as boas sensacións do BM Porriño nos derradeiros partidos non foron un oasis no deserto e as xogadoras adestradas por Isma Martínez seguen coas súa bo dinámica sumando novamente os dous puntos.
Pasados os dez primeiros minutos, o Conservas Orbe Rubensa presentaba unha diferenza de catro goles (2-6). A defensa 6:0, típica do equipo porriñés xeraba dúbidas nas xogadoras locais, xa que estaba a ser moi dura e con moitas disuasións na primeira liña. Co paso dos minutos, o Sant Quirze tentaba recortar distancias, conseguindo poñerse a tan só dous goles de diferenza.
A falta de dez minutos para o final da primeira parte, as visitantes continuaban levando ao seu terreo o resultado (6-9), pero a intensidade no ataque porriñés había baixado. O Sant Quirze aumentara o seu ritmo en ataque, pero non daba terminado de entrar en partido.
Nos últimos minutos, o Conservas Orbe Rubensa non se atopaba no seu mellor momento ofensivamente. Doutra banda, en defensa contaban co apoio de Fátima Ayelén baixo paus.
Chegou o final da primeira parte e Érica Tavares tentou transformar unha falta directa. Finalmente, o marcador continuaría a favor do Conservas Orbe Rubensa cun resultado de 9-13.
Na segunda parte, as porriñesas entraron na mesma liña que na primeira. A defensa do Conservas Orbe Rubensa estaba a ser contundente con Sarai Samartín e Santomé no centro. En canto ao ataque, con Anthia Espiñeira ao mando, estaban a un ritmo máis baixo, pero continuaban mantendo a diferenza en resultado.
A falta de cinco minutos, o resultado estaba 17-20 a favor das galegas. A defensa das locais cambiara a un 5:1 coa idea de incomodar á central e evitar o movemento fácil entre as primeiras liñas. Finalmente, o Conservas Orbe Rubensa sumaría outra vitoria á súa conta cun resultado de 20-23.