- O domingo 15 de xaneiro, tamén na Sangriña e ás 19:00 horas, resólvese a eliminatoria entre Guardés e H71.
- O equipo das Faroe Islands xamais se rendeu e conseguiu reducir a tres unha desvantaxe que chegou a ser de seis goles
O Mecalia Atlético Guardés deu o primeiro paso cara aos cuartos de final da EHF European Cup. O equipo miñoto conseguiu dobregar ao H71 Hoyvík das Faroe Islands nun partido que chegou a gobernar por ata nove goles de diferenza, pero que acabou quedándose en tres pola enerxía e o espírito combativo das nórdicas. A pesar de todo, o conxunto que adestra Abel González deu o primeiro paso cara a cuartos. Todo tras un encontro que viviu na súa previa unha homenaxe á nadadora guardesa Rosalía Soler, socia da entidade, que vén de gañar varias medallas no Campionato Galego de natación e de participar no Campionato de España.

O inicio deixou claro que a escuadra da Guarda non ía especular co esforzo pese ao enorme desgaste derivado de gañar na pista dun dos candidatos ao título e dúas viaxes de punta a punta de España fai tan só tres días. Ao contrario. Esa vitoria deu ás ás xogadoras locais, que practicaron o balonmán veloz e punzante que brota cando todas as pezas encaixan.
Así, aos poucos, as vantaxes comezaron a relucir no marcador do renovado pavillón da Sangriña tras uns minutos de tenteo nas que ambos os equipos intercambiaron golpes. O poderío de Sandra Santiago impulsaba ás guardesas, que exerceron de visitantes no primeiro encontro.

O H71 Hoyvík fixo honra ao seu perfil de equipo novo e enérxico. En todo momento presentou batalla. Os seus mozos xogadores (todas por baixo dos 25 anos e un notable número de menos de 20) deixáronse todo na pista, motivadas polo ardente do escenario e por ter enfronte ao cabeza de serie número 1 da competición. Mittún e Borg estiveron especialmente destacadas, con tres goles cada unha na primeira metade. A pesar de todo, o Guardés non estaba disposto a deixarse sorprender e foise ao descanso por diante (12-17).
Á volta do vestiario, Abel González fixo rotacións. O técnico asturiano optou por dosificar minutos e equilibrar esforzos, sabedor de que só estaba en xogo a metade da eliminatoria. Pero a segunda unidade saltou á pista para manter ou mesmo incrementar o nivel. O ritmo non decaía e o Mecalia Atlético Guardés seguía por diante.

Case sen querer, o colectivo do Baixo Miño incrementou algarismos e mesmo chegou a estar nove arriba (17-26). Pero a escuadra nórdica non se rendeu. Comandadas por Janna Mittún (asinou once goles), o equipo feroés recortou distancias ata roldar os catro tantos (28-32). Nos minutos finais, o conxunto nórdico amarrouse á eliminatoria ata deixar en 31-34 o tenteador final.
A resolución, 24 horas despois, de novo na Sangriña e outra vez ás 19:00.
FICHA TÉCNICA
31 ) H71 HOYVIK (12+19): Larsen (p.), Egholm, Palsdottir (1), Vár Bentsdottir (2), Brimnes, Weyhe (2), Mortensen (1), Lukka Arge (4), Skardi (p.), Joensen, Christina Arge (2), Lív Bentsdottir (1), Jacobsen, Halsdottir (2), Mittún (11) e Borg (5).
34 MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS (17+17): Marisol Carratú (p.); África Sempere, Sandra Santiago (12), Giselle Menéndez (1), Carolina Silva (1), Ángela Nieto (3), Pauli Fernández (2), Míriam Sempere (p.), Cris Cifuentes (5), Patrícia Lima (2), Celia López, Elena Amores (1), Carla Gómez (3), María Sancha (1), e Daniela Moreno (5) e Ángela Portela.
MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 3-3, 6-6, 6-9, 7-11, 10-14, 12-17 – descanso – 14-20, 16-24, 20-27, 21-28, 26-31 e 31-34.
EQUIPO ARBITRAL: Sabien Weber e Denis Weinguin (Países Baixos). Expulsaron por tripla exclusión a Vár Bentsdottir, do H71 (min. 58). Excluíron con dous minutos a Lív Bentsdottir (2), Egholm, Christina Arge e Jacobsen, do H71, e a Pauli Fernández, Sandra Santiago, Carolina Silva, Ángela Nieto, Elena Amores e María Sancha, do Guardés.
INCIDENCIAS: Partido de ida dos oitavos de final da EHF European Cup, disputado no pavillón da Sangriña, que este domingo volverá albergar a volta, tamén ás 19:00 horas. Na previa do choque realizouse unha homenaxe á nadadora guardesa Rosalía Soler, socia da entidade, que vén de gañar varias medallas no Campionato Galego de natación e de participar no Campionato de España.
♥️ @rosaliasl_ pic.twitter.com/8dpqr0UF8B
— Mecalia Atlético Guardés (@Atlguardes_ofic) January 14, 2023