- O Atlético Guardés convocou aos seus socios e abonados a unha Asemblea Xeral Ordinaria o próximo 1 de xullo, ás 20.00 horas en primeira convocatoria e ás 20.30 horas en segunda convocatoria.
- A noticia chega xusto despois dunha reunión informativa sobre a situación do Club, na que se confirmou a supervivencia económica para a próxima tempada: realizouse a inscrición na Liga Guerreras Iberdrola e as categorías base non perigan.
- Con todo, segundo indican desde o club “o que máis urxe é a recomposición organizativa, pois se non aparecen entre 15 e 20 voluntarios para conformar unha nova xunta directiva antes da Asemblea, o Club valorará a súa disolución”
O Club Balonmán Atlético Guardés convoca os seus socios e abonados para decidir o seu futuro. O próximo 1 de xullo, ás 20.00 horas en primeira convocatoria e con segunda chamada ás 20.30, a entidade miñota celebrará unha Asemblea Xeral Ordinaria para valorar a delicada situación económica e organizativa que vive e adoptar unha resolución definitiva ao respecto.
A convocatoria chega apenas días despois dunha primeira reunión informativa aberta á afección en xeral, que este luns dirixiu o xa expresidente Jesús López para explicar os motivos da súa dimisión e detallar as dificultades económicas e organizativas que están a embazar as semanas posteriores á consecución dun histórico título europeo.
Tras a saída de Mecalia como principal patrocinador, o Club Balonmán Atlético Guardés debe buscar agora novos apoios para afrontar os gastos da tempada 2026/2027 e reducir significativamente un importante déficit orzamentario que leva anos arrastrando.
Mecalia deixa de patrocinar ao Atlético Guardés despois de 18 anos
“A procura de iniciativa privada únese á irregularidade do financiamento institucional”, explican desde o club miñoto. Unha situación que, segundo López aumentaría a próxima campaña; pero dilatando aínda máis os prazos de emisión das axudas e obrigando, de novo, ao equipo para adiantar o diñeiro.
Con todo, alén dos problemas financeiros que a entidade xa está a traballar para paliar, a cuestión máis urxente ten que ver coa súa organigrama.
Un día despois do anuncio do cesamento de patrocinio da empresa guardesa, Jesús López anunciaba a súa dimisión inmediata como presidente da Xunta Xestora do Club, saída á que o pasado luns informou que se sumaba a doutro membro desta directiva.
Así, a principal mensaxe trasladada desde o club foi “a necesidade de constituír unha nova cúpula directiva, ampla e con forzas renovadas para sacar adiante o proxecto: polo menos, un grupo dunhas 15 ou 20 persoas que asuma a dirección do Club Balonmán Atlético Guardés, coa asesoría e o apoio dos seus previos dirixentes, pero xa desde un segundo plano”.
Jesús López dimite como presidente do Club Balonmán Atlético Guardés
Podería valorarse a disolución do Atlético Guardés
Jesús López destacou que este é o aspecto fundamental agora mesmo para a supervivencia do proxecto. No caso de que non apareza esta nova directiva antes da Asemblea, o Club Balonmán Atlético Guardés afirma que “valorará a súa disolución en termos que aínda se descoñecen, polo que é vital que a afección dea agora un paso adiante para garantir a continuidade do Guardés”.
Polo demais, na reunión explican desde o club que se confirmou “que o equipo realizou a súa inscrición para a liga Guerreras Iberdrola con normalidade e que non periga a actividade das categorías de base, pero nada diso está garantido se non existen voluntarios e voluntarias que queiran recoller a remuda da última dirección”.
Na próxima Asemblea Xeral Ordinaria do Club Balonmán Atlético Guardés trasladarase a resolución definitiva desta situación ante os socios, socias, abonados e abonadas do club miñoto.
A orde do día é o seguinte:
- Lectura e aprobación, se procede, da acta anterior.
- Informe económico e deportivo da tempada 2025/2026.
- Orzamento económico para a tempada 2026/2027.
- Situación económica e de organización interna actual.
- Rogos e preguntas.





















