O Atlético Guardés conclúe esta fin de semana en Elche a súa semana de exilio con tres partidos lonxe de A Sangriña. Este sábado, ás 18:00 horas, as galegas enfrontaranse ao Club Balonmano Elche na quinta xornada.
Os dous primeiros encontros desta semana, en Gijón e Gran Canaria, saldáronse con vitorias para as do Baixo Miño, deixando ao conxunto na segunda posición do grupo polo título na Liga Guerreras Iberdrola. Estes trunfos encamiñan a novena clasificación consecutiva para competicións europeas, o obxectivo da entidade.
Malia competir como visitantes, a motivación é a mesma no Atlético Guardés. O seu adestrador, José I. Prades, asegura que á hora de “saltar á pista” só pensará en “levarse os dous puntos” e para isto deixará “aparcados esos sentimentos”. O técnico asegura que “o equipo está ben e o sabe”.
O encontro ante o BM Elche da o pistoletazo de saída á segunda volta desta segunda fase, na que o equipo guardés mostrouse intratable, con catro vitorias noutros tantos encontros. O difícil non está feito, senón que está en manterse arriba.
Un rival competidor para as galegas
O rival desta fin de semana é un conxunto ilicitano que ocupa a quinta posición e quere apurar as súas opcións de meterse en Europa. Unha derrota o poría moi complicado. Con esas urxencias xogará o Atlético Guardés para achegarse a unha nova vitoria.
Con todo, non será doado. O conxunto de Elche ten xogadoras de moito nivel como a internacional absoluta Ivet Musons ou Ana Martínez, quen ven de anunciar que se retira ao finalizar a tempada.
Duelo emocionante para Prades
Este sábado, José I. Prades volve á que foi a súa casa. “Sempre é bonito volver. Gardo moitísimos recordos desa etapa e moito cariño á xente do club”, recoñece o técnico.
Coñecendo ao Elche, o técnico de Petrer avisa que é “un equipo cunha indiosincrasia e uns rasgos moi definidos, que está moi ben traballado e ten xogadoras de moitísima calidade”. Ademais, o vaivén polas viaxes e partidos durante a semana eleva a dificultade, pero isto non é excusa para o adestrador.
José Prades: “(O Elche) é un equipo que está moi ben traballado e ten xogadoras de moitísima calidade”
“Cargamos as pilas no seu día e fisicamente estamos nun momento bastante bo para aguantar todo o que nos ven enriba”, explica. “Estamos habituadas a xogar mércores-sábado. É verdade que as viaxes de por medio cargan un pouco máis, pero cando o equipo salta á pista esquécese de todo iso”, engade.
Neste sentido, Prades subliña o mérito da vitoria ante o Rocasa: “Demostramos que estamos preparadas para competir contra todo o mundo”, recalca. O técnico aposta por non relaxarse o máis mínimo no camiño ao billete europeo: “Quedan aínda oito puntos por disputarse e poden pasar mil cousas, así que necesitamos seguir sumando para non chegar ao tramo final con incertidume e con dúbidas”.
José Prades: “Quedan aínda oito puntos por disputarse e poden pasar mil cousas, así que necesitamos seguir sumando para non chegar ao tramo final con incertidume e con dúbidas”
O Guardés quere volver a sumar os dous puntos da vitoria como xa fixo na primeira volta, cun resultado final de 24-23.
O Guardés sen descanso
Por todo iso, Prades e as súas xogadoras queren dar continuidade á súas vitorias consecutivas fronte ao equipo de Joaquín Rocamora, subcampión da Copa da Raíña do 2020. Para conseguilo, deben sobrepoñerse ao esforzo duns días de moita trasfega. De feito, as galegas non adestran desde o pasado martes.
O mércores viaxaron a Gran Canaria para o choque ante o Rocasa, o xoves regresou tras facer escala en Madrid e o venres, ás 07:30 horas iniciou a viaxe por estrada a Elche. O propio sábado pola mañá as xogadoras completarán unha suave sesión de activación para preparar o partido da tarde.
Tras o último esforzo a domicilio nesta semana, o plantel do Guardés terá o seu merecido descanso antes de empezar a preparar o regreso ao pavillón de A Sangriña co partido ante o Rocasa.