O vindeiro sábado 3 de xuño celebrarase o XXXVI Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez de marcha, considerada a proba máis importante do mundo desta disciplina. A proba contará, un ano máis, coa presenza dos mellores atletas mundiais.
Ata o momento neste XXXVI Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez na categoría feminina están confirmadas a presenza de Liu Hong quen lograba no ano 2015 na Coruña o récord do mundo na proba dos 20 quilómetros ou a da peruana Kimberly García campioa mundial dos 20 quilómetros e dos 35 quilómetros.
Por parte da representación española, as cabezas de cartel deste XXXVI Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez serán a campioa de Europa do 2018 María Perez García, así como a subcampioa de Europa en Munich 2022 Raquel Gónzalez. Xunto a elas estará na línea de saída a bimedallista de bronce na Copa de Europa de marcha nas edicións do 2017 e 2021 e prata na edición do 2019 Laura García-Garcia Caro.
Na delegación galega destaca a internacional e campioa de España Antía Chamosa, quen lograba o metal de bronce no campionato de Europa Sub23 no 2021.
No tocante á categoría masculina o italiano e campión olímpico Massimo Stano estará sobre o asfalto coruñés xunto ao sueco Perseus Karltrom, bronce mundialista nas tres últimas edicións ou o subcampión de Europa dos 20 quilómetros, o alemán Christopher Linke.
Por parte española estará na Coruña o vixente campión europeo de Munich Álvaro Martín quen compartirá distancia co medallista continental de prata no 2018 en Berlín e de bronce no 2022 Munich, Diego García.
Este xoves, ademáis, formalizaron a súa inscrición nove atletas chineses, unha das nacionalidades con maior presenza na proba xunto á mexicana e a colombiana. Ata o de agora confirmaron a súa participación un total de 92 deportistas.
Por outra banda, hoxe abre o prazo de inscrición no XI Trofeo Memorial Josefina Romero, unha proba destinada ás categorías inferiores que se disputará antes do Gran Premio de Marcha Cantóns. Haberá tres distancias: un, dous e cinco quilómetros.