O PM Friol e o Zaragoza CFF veranse de novo as caras. Co partido de recuperación da segunda xornada aínda recente, con vitoria maña, galegas e aragonesas cítanse 10 días despois para disputar a sétima xornada. O partido será o sábado, 1 de maio, ás 17:30 horas no Municipal de A Reigosa.
Esta será a primeira das cinco finais que lle quedan ao Friol para certificar a súa salvación. As galegas marchan penúltimas, cun coeficiente do 0,737 e 14 puntos en 19 partidos disputados. Con catro xornadas por disputar e unha por recuperar, as galegas teñen a permanencia a cinco puntos, co CD Parquesol Patatas Meléndez como último equipo salvado.
No que vai de segunda fase, as lucenses aínda non conseguiron puntuar e a axenda apreta entre compromisos ligueiros e partidos adiados. Só nas últimas dúas semanas, o Friol xogou contra o Espanyol, o Zaragoza e o Athletic Club, con derrota nos tres partidos.
O Zaragoza, rival do Friol, conserva a categoría
Quen xa compite coa tranquilidade de saber que estará unha tempada máis en Reto Iberdrola é o Zaragoza. As que xogarán como visitantes este sábado, obtiveron a salvación matemática na última xornada, ao remontar ante o CF Pozuelo de Alarcón cun 2-1 final.
Con 34 puntos, dous máis que o líder, e un coeficiente do 1,684, as mañas son as segundas clasificadas do grupo Norte D. En 21 partidos disputados, o Zaragoza sumou nove vitorias e sete empates, encaixando 19 goles fronte aos 28 marcados. Deste subgrupo, son o conxunto que menos tantos recibe en total.